jueves. 25.04.2024

O Club Natación Ponteareas foi o gran vencedor do XXII Trofeo da Amizade, disputado esta fin de semana no Complexo Deportivo Álvaro Pino e que acolleu a preto de 300 deportistas na primeira cita oficial da tempada de natación autonómica. Un récord de inscrición de participantes, entre os que se atopaban os nadadores e nadadoras máis prometedoras do panorama galego e estatal e outros xa consagrados como a nadadora Bea Gómez, participante nos Xogos Olímpicos de Londres en 2012.

O club ponteareán alzouse coa vitoria por equipos, así como na feminina e masculina. Un logro que quixo gabar o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quen trasladou en nome de todo o Goberno local os parabéns a todo o equipo por estes bos resultados no inicio da tempada.

Esta cita supoñía a primeira proba para ver o estado de forma de todas e todos os deportistas, que participaron nunha nova edición do Trofeo da Amizade tamén animados polo sistema de cronometraxe electrónica e polas mínimas para o Campionato de España que se disputará en novembro en Mallorca.

A entrega de trofeos contou coa presenza da alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e do edil de Deportes, que viviron en primeira persoa o ambiente da xornada deportiva da que gozaron os 16 clubs galegos que participaron neste clásico da natación. Durante a competición tamén se entregaron os galardóns do XIII Trofeo Concello de Ponteareas, co que se premia aos mellores nadadores e nadadoras segundo os criterios da Federación Internacional de Natación (FINA), que nesta edición foron Bea Gómez (CNGalaico), Alicia Bouzas (CNGalaico) e Sofía Carballo (CNPonteareas) na categoría feminina e Martín Prado (CNFluvial), Mario Méndez (CNRías Baixas) e Daniel Sánchez (CNGalaico) na masculina.

O club ponteareán alzouse coa vitoria por equipos nas probas femininas e masculinas