viernes. 19.04.2024

Ponteareas acolle este domingo 31 de outubro o XXII Trofeo Amizade, unha proba organizada polo Club Natación Ponteareas en colaboración co Concello que reunirá á cifra récord de 250 deportistas de 16 clubs de toda Galicia. A competición manterá o formato por categorías da edición anterior e reunirá a nadadores e nadadoras de alto nivel, como a olímpica en Londres 2012 Beatriz Gómez, na procura de mínimas para o Campionato de España que se disputará en novembro en Mallorca.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo agradecer ao CN Ponteareas “o traballo realizado, a súa capacidade de sorprendernos e a súa visión, xa que non pensan soamente na competición e no deporte, senón tamén en todas as sinerxías que se poden xerar a través destes eventos en beneficio de toda a veciñanza da vila”. O edil quixo lembrar tamén o importante papel que xogan as entidades privadas e as familias anónimas que se implican e colaboran co club en cada un dos eventos e actividades.

A competición desenvolverase na piscina municipal do Complexo Deportivo Álvaro Pino a partir das 11.00 horas e poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube do CN Ponteareas. O club afronta esta nova época post pandemia coa mesma cautela que ata o de agora, mantendo as medidas necesarias para garantir a saúde de todos e todas. Por este motivo, habilitará unhas pantallas no pavillón anexo á piscina para que todas e todos os acompañantes dos e das deportistas poidan seguir a competición de xeito seguro. Ademais, durante a competición tamén se entregará o XIII Trofeo Concello de Ponteareas, que premiará aos mellores nadadores e nadadoras por puntos segundo os criterios da Federación Internacional de Natación (FINA).

O presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera, adiantou que o club manterá posiblemente esta data para futuras edicións do trofeo, que ata o de agora viña celebrándose na primeira metade do ano. “Probamos o ano pasado pola situación sanitaria e polo récord de participación vemos que funciona, xa que é unha época con menor carga competitiva, no que as e os deportistas levan xa case dous meses adestrando e que vai ben para sumar para o Campionato de España”, salientou. O acto de presentación do trofeo tamén contou coa participación de José Manuel Freire, coordinador de deporte escolar en Vigo da Xunta de Galicia.

Na auga, tamén se fan amizades