jueves. 02.05.2024

Equina 2023 suma hoxe doma clásica e continúa co seu Campionato de Pura Raza Española

Equina Galicia, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, continúa hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA cunha xornada repleta de actividades ás que o público pode acceder de forma gratuíta.
Participante en Equina nas probas de funcionalidade do IX Campionato de España de PRE ANCCE de Galicia.
Participante en Equina nas probas de funcionalidade do IX Campionato de España de PRE ANCCE de Galicia.

Equina Galicia, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, continúa hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA cunha xornada repleta de actividades ás que o público pode acceder de forma gratuíta.

En canto ao IX Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, concurso que é o eixo central do evento e valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos, esta mañá foi a quenda das probas de funcionalidade en sementais de 5, 6 e 7 anos ou máis. Pola tarde competirán as poldras de 3 anos e as eguas de 4, 5 e 6 anos en morfoloxía. Xa mañá sairán a pista as eguas de 7 ou máis anos, ademais de entregarse os premios do concurso.

Este IX Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, que conta coas tres estrelaA que representan a máxima categoría de competición a nivel nacional e é clasificatorio para a final do Campionato do Mundo,  reúne a 51 destacadas ganderías, a maior cifra do concurso ata o momento. Estas proceden non só da maioría de Comunidades Autónomas españolas, senón tamén doutros oito países, como son EE.UU, Nicaragua, Costa Rica, México, Italia, Francia, Bélxica e Alemaña. Un salto cualitativo que se debe ao recoñecemento que o certame gañou nos últimos anos e que supón que Equina estea na axenda de ganderías estranxeiras que teñen cabalos competindo en España, os cales participan a través de presentadores nacionais.

Nesta mesma liña de dotar de internacionalidade ao evento, os seus organizadores están a traballar coa Feira do Cavalo de Ponte de Lima, unha das máis importantes de Portugal, en proxectos comúns relacionados co cabalo de pura raza lusitano e o de pura raza española. Mostra diso é que unha delegación da feira portuguesa visita estes días Equina Galicia

Exemplares de 300.000 euros

Nesta edición de Equina Galicia compiten noventa exemplares de pura raza española que o converten no segundo campionato de España en número de rexistrados e nunha cita de referencia, tanto por esta alta presenza como polo gran nivel dos animais. Todos eles son exemplares de alta competición cuxo valor conxunto se aproxima aos 10 millóns de euros e entre os que hai animais que alcanza os 300.000 euros.

Esta presenza e alto nivel dos participantes permitirá a Equina Galicia cumprir un dos seus principais obxectivos, dar a coñecer a importancia da gandería ecuestre e crear interese tanto no mundo do cabalo en xeral como en concreto na Pura Raza Española (PRE), a cal en Galicia conta a día de hoxe con 5.000 cabalos pertencentes a 1.123 ganderías activas. A Comunidade é a novena na clasificación de cría do PRE do noso país.

Doma Clásica

A doma clásica é hoxe outra das protagonistas da xornada. Así, este mediodía dispútanse tres destacadas competicións que converten a Equina Galicia na cita máis completa desta disciplina e que contan con récord de participantes, ao alcanzar preto de 60 binomios (cabalo e xinete ou amazona). Proceden de distintos puntos de Galicia, Asturias, Estremadura, Castela-León e Madrid.

Estas competicións de doma clásica inclúen o V Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, no que poden participar todas as razas de cabalos de deporte europeos e que inclúen desde categoría infantil ata olímpica. O Trofeo, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, ten como obxectivo fomentar a creación de pequenas explotacións de cría de cabalos selectos para o deporte que xeren actividade no medio rural e supoñan un complemento económico, contribuíndo a frear o despoboamento.

Súmanse a esta proba outras dúas competicións centradas na doma clásica, a XXV Copa Accega e o Territorial.

Outras actividades

Por outra banda, Equina Galicia acolleu esta mañá a conferencia "Aplicacións da Xenómica no Programa de Cría do PRE e beneficios para o gandeiro. Grupo Operativo EQUIGENOM", a cal foi impartida Pedro J. Azor, subdirector do Libro Xenealóxico do PRE e director técnico do Programa de Mellora da Real Asociación Nacional de Criadores de CabaLlos de Pura Raza Española (ANCCE).

Ademais, ao longo do día celébranse actividades de bautismo hípico e a última hora da tarde haberá un espectáculo de carrusel.

Por outra banda, mañá ao mediodía celebrarase a cuarta proba oficial puntuable para a Copa Galega de Enganches. Estará organizada pola Federación Hípica Galega en colaboración co Club de Enganches de Galicia e ACCEGA, sendo o seu obxectivo dar visibilidade a esta disciplina pouco coñecida para que siga crecendo na Comunidade.

Haberá unha decena de participantes procedentes de distintos puntos das provincias de A Coruña e Pontevedra, os cales competirán nas categorías de Ponis, para os máis pequenos; Limonera, consistente en carruaxes de catro rodas cun cabalo, e Troncos, tamén coches de catro rodas pero con dous cabalos.

Equina 2023 suma hoxe doma clásica e continúa co seu Campionato de Pura Raza Española
Comentarios