miércoles. 08.07.2026

O artista Xulio Fontes, natural de Forxán, nas terras de Quintela de Leirado e ao abeiro do Penagache, chega á capital de Lugo coa exposición individual “Mulleres”, unha proposta que reúne 36 retratos femininos realizados sobre palés de madeira e que volve poñer de manifesto a súa capacidade para transformar materiais humildes en obras de forte carga expresiva.

A mostra foi inaugurada o pasado 5 de xuño e poderá visitarse ata o 31 de xullo nas celas que no seu día estiveron destinadas a mulleres, un espazo cargado de memoria que dialoga coa temática da exposición e reforza a intensidade simbólica do proxecto.

Desde moi novo, Fontes destacou polo debuxo. Xa na escola gañaba primeiros premios en concursos e actividades plásticas, unha vocación que nunca abandonou e que foi consolidando ao longo dos anos con mostras tanto en Galicia como alén Miño.

Antes de recalar en Lugo, o creador presentou a súa obra en espazos como Dentalnova, en Ourense; a Sala Vista Alegre de Bandeira, en Silleda; o Museo Ramón María Aller de Lalín, ou o edificio As Redeiras da Universidade de Vigo, no Berbés.

Coñecido pola súa relación directa coa natureza e coa reutilización de materiais, Xulio Fontes foi artellando durante anos un museo propio ao aire libre, en plena intemperie, nas súas terras de orixe. Aquel espazo naceu despois doutra intervención artística sobre os postes de cemento do alumeado público, da que hoxe apenas quedan algunhas manchas e obras catalogadas.

En “Mulleres”, o artista da Raia Seca volve explorar diferentes soportes e texturas. A súa traxectoria está marcada polo uso de materiais pouco convencionais, como cascas de noces, cunchas de mexillón, navallas ou tapóns. Nesta ocasión, os palés de madeira convértense na base dunha galería de rostros femininos vistos desde distintas perspectivas, situacións vitais e ámbitos laborais.

Entre as obras que integran a exposición figuran títulos como “Calidoscopio”, “Muller con chambra”, “Muller arraiana”, “Guineana”, “Muller con diadema”, “Friaxe”, “Descendencia”, “Escoitando o millo”, “Parchís”, “Acougo”, “Pandereteira”, “Zamburiñeira”, “Dona das cunchas”, “A dona e o can”, “Andaina”, “Muller con pendentes”, “Beizos vermellos”, “Muller con zapatos dourados e cos pés na area”, “A colleita é en setembro” ou a peza de título asturiano “Muyer con flores d’abril”.

O proxecto está comisariado por Dolores Guerrero e Manuel Estévez. Tras a súa estadía en Lugo, a exposición continuará o seu percorrido en Portugal, concretamente na Casa da Cultura de Melgaço, onde poderá verse durante o mes de agosto.

A proposta configúrase así como un encontro cultural especialmente atractivo entre imaxe, soporte e memoria. Unha interacción artística que sorprende ao espectador e confirma a singularidade dun creador capaz de facer da materia recuperada unha linguaxe propia.

Xulio Fontes leva a Lugo a súa ollada ás mulleres da Raia
Comentarios