Tui recupera a memoria do exilio republicano con "El baúl de la República"
Mañá mércores, 7 de maio, ás 19:30 horas, a Sala Félix Rodríguez de Tui acollerá a presentación da novela "El baúl de la República", a primeira obra de ficción da xornalista mexicana Laura Martínez Alarcón que explora o exilio republicano en México. O evento enmárcase na programación de "Tui en letras".
"El baúl de la República" mergúllase na historia do exilio republicano español e na chegada do emblemático buque Sinaia a México. A novela, aínda que de ficción, inspírase nos dezaoito números dun modesto xornal escrito e impreso polos propios exiliados durante a longa travesía. A través das súas páxinas, Martínez Alarcón constrúe unha historia que ben puido acontecer nese barco ateigado de homes e mulleres vencidos pola guerra, pero que mantiveron intactas a súa dignidade e esperanza.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, expresou o seu agradecemento á autora por escoller a cidade para presentar a súa primeira novela. Subliñou a importancia desta obra para a recuperación da memoria democrática, especialmente no que atinxe ao exilio, unha temática coa que o Concello de Tui se sente "especialmente comprometido".
Sinopse da novela:
Un forte terremoto sacode a Cidade de México e Valentina Blasco perde o seu fogar e o seu traballo, crendo que o perdeu todo. Porén, cando as autoridades lle permiten recuperar algunhas pertenzas, atopa un pequeno baúl que pertencera á súa avoa Aurora.
Dentro da caixa, Valentina descobre a historia da súa avoa, unha das miles de exiliadas republicanas que encontraron asilo en México tras a Guerra Civil española. Atopa os diarios escritos durante a travesía do Sinaia, así como un caderno onde Aurora plasmou as súas impresións da viaxe e os detalles dunha historia de amor inconclusa. Ao abrir o baúl, Valentina emprenderá tamén unha viaxe persoal. Pero, poderá pecharse aquel círculo que a traxedia aparentemente rompeu?
Sobre a autora:
Laura Martínez Alarcón (Cidade de México, 1957) é unha xornalista mexicana afincada en España desde 2007. Estudou Xornalismo na Universidade Nacional Autónoma de México, onde tamén cursou a Mestría en Estudos México-Estados Unidos. É doutoranda en Comunicación, Información e Propaganda pola Universidade Complutense de Madrid.
Con unha ampla traxectoria profesional, foi reporteira e coordinadora de produción e contidos en diversos medios de comunicación. Nos últimos anos, participou en cursos e talleres de literatura, narrativa e filosofía en Madrid e Barcelona, e colabora co portal www.filco.es e a revista en papel Filosofía & Co. Publicou dous libros de contos, "Cortoletrajes" e "A muller sen nome e outros relatos". "O baúl da República" marca a súa incursión na novela.