O antigo museo diocesano de Tui converterase no futuro Arquivo Histórico Diocesano e Catedralicio grazas a unha ambiciosa actuación patrimonial que botará a andar oficialmente este martes 19 de maio. A sinatura da acta de inicio e replanteo das obras marcará o comezo dun proxecto chamado a preservar e poñer en valor unha parte esencial da memoria documental da Diocese tudense.

O acto celebrarase ás 12.00 horas no edificio situado na Praza do Concello de Tui e contará coa presenza do bispo da Diocese, monseñor Antonio Valín, así como dos arquitectos responsables da intervención, Iago Seara e Juan Orozco. Tamén asistirán representantes da empresa construtora Gallaecia, encargada da execución das obras.

A actuación supón unha das iniciativas patrimoniais máis relevantes impulsadas pola Diocese nos últimos anos e foi posible grazas á colaboración institucional co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana (MIVAU), a través do programa estatal do 2% Cultural.

Este programa público está destinado á conservación, rehabilitación e posta en valor de inmobles integrados no Patrimonio Histórico Español, promovendo ademais a súa utilidade pública e a rexeneración urbana e territorial.

Co futuro arquivo histórico, Tui reforzará o seu papel como enclave patrimonial de referencia en Galicia, ao tempo que se garantirán as condicións adecuadas para a conservación do importante legado documental diocesano e catedralicio.

A intervención permitirá recuperar e adaptar o antigo museo diocesano para usos arquivísticos e culturais, converténdoo nun espazo preparado para a investigación, a custodia documental e a difusión da memoria histórica e eclesiástica da comarca e da Diocese.

Tui inicia a transformación do antigo museo diocesano no novo gran arquivo histórico da...
Comentarios