A Real Academia Galega nomea a María Xosé Queizán académica de honra

Departamento de Infografía DL-G.
A institución recoñece a traxectoria literaria e activista da escritora viguesa e elixe tamén a Pere Tobaruela como académico correspondente

O pleno da Real Academia Galega acordou o ingreso de María Xosé Queizán como membro de honra, nun recoñecemento á súa decisiva contribución ás letras galegas e ao pensamento feminista do país. A autora viguesa, cunha obra extensa e plural que abrangue narrativa, teatro, poesía e ensaio, será recibida proximamente nun acto oficial no que lerá o seu discurso de entrada.

A RAG salientou unha traxectoria literaria construída en estreita conexión co activismo cultural e feminista, na que Queizán abriu camiños pioneiros tanto na creación como na reflexión ensaística, especialmente arredor da situación das mulleres e da lingua galega. Promotora e directora da revista Festa da Palabra Silenciada, a escritora deixa unha fonda pegada na historia intelectual contemporánea de Galicia.

Na mesma sesión, celebrada no pazo municipal de María Pita, a Academia escolleu tamén como membro correspondente a Pere Tobaruela. O escritor, xornalista cultural e docente, nacido en Barcelona e residente en Galicia desde hai máis de dúas décadas, conta cunha ampla produción en galego, centrada sobre todo na literatura infantil e xuvenil.