martes. 30.06.2026

Ourense converterase o próximo 4 de xullo no epicentro do debate sobre o presente e o futuro do sector vitivinícola galego coa celebración das Xornadas do Viño "Dende Ourense pensando no viño", unha cita que reunirá no Salón de Actos do Arquivo Provincial a profesionais de referencia, investigadores e representantes das cinco denominacións de orixe de Galicia.

Organizadas pola Enxeñaría Agrícola de Ourense coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), as xornadas ofrecerán unha visión global sobre os principais desafíos que afronta o sector, desde a internacionalización dos viños atlánticos ata os novos sistemas de control da calidade e a adaptación do viñedo aos cambios normativos e ambientais.

A inauguración institucional contará coa participación do presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, Pepe Paz, e do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. A continuación desenvolverase o módulo comercial, no que intervirá o Master of Wine Jonas Tofterup coa conferencia Galicia no Mundo: Futuro Internacional dos Viños Atlánticos, na que analizará as oportunidades de expansión dos viños galegos nos mercados internacionais.

O programa continuará cun bloque técnico protagonizado por Emilia Díaz Losada, da Estación de Enoloxía de Leiro, quen abordará a resiliencia do viñedo fronte aos cambios regulatorios no control fitosanitario, os sistemas de apoio á decisión e as variedades resistentes. Pola súa banda, Alejandro Parra Manzanares, de Tenomar Laboratorios, presentará os métodos máis avanzados para a detección de fraudes no viño, incluíndo análises por isótopos e técnicas IRMS para verificar a orixe, as variedades ou posibles adulteracións.

A xornada concluirá cunha mesa redonda na que participarán os presidentes das denominacións de orixe galegas para analizar a situación actual e os retos de futuro da vitivinicultura en Galicia. O debate estará moderado por Xosé Carballido e servirá para compartir visións sobre a evolución dun sector estratéxico para a economía e o territorio galego.

A clausura correrá a cargo do director de Agacal, Martín Alemparte Vidal, antes dun encontro informal no Claustro de San Francisco, onde os asistentes poderán continuar o intercambio de experiencias arredor do viño galego. Estas xornadas aspiran a consolidarse como un foro de referencia para impulsar a innovación, a sustentabilidade e a proxección internacional dos viños de Galicia.

Ourense reúne as grandes voces do sector para debater o futuro internacional do viño...
Comentarios