lunes. 18.05.2026

O deseño industrial volverá converter Nigrán nun punto de referencia internacional os próximos 5 e 6 de xuño coa celebración da segunda edición de Proxectar, o ciclo de conversas que reúne profesionais de prestixio para afondar nos procesos creativos e no futuro do deseño contemporáneo.

Tras o éxito da súa estrea en 2025, Proxectar consolídase como unha das citas emerxentes máis destacadas do panorama galego do deseño, apostando por un formato próximo e especializado que combina relatorios e coloquios abertos ao público profesional e creativo.

A fábrica de Cervezas Banda, situada no Parque Empresarial Porto do Molle, volverá ser o escenario desta iniciativa, que nesta ocasión contará cun cartel encabezado polo arquitecto británico David Chipperfield, Premio Pritzker 2023 e unha das figuras máis influentes da arquitectura internacional.

O venres 5 de xuño, Chipperfield compartirá protagonismo con Isabella Trani, deseñadora industrial afincada en Londres e cofundadora do estudo OMI, especializado en innovación e mobilidade do futuro.

A programación continuará o sábado 6 coa participación de Sara Regal, deseñadora e artista nacida en Viveiro cunha consolidada proxección internacional, recoñecida polo seu traballo na intersección entre arte e deseño industrial. Xunto a ela estará Isaac Piñeiro, deseñador pontevedrés establecido en Barcelona, con experiencia como director creativo e colaborador de firmas como Sancal ou Omelette.

Conversas arredor do proceso creativo

O formato de Proxectar busca afastarse das conferencias convencionais para centrarse no proceso de creación. Cada relator desenvolverá un proxecto concreto, explicando o percorrido completo desde a idea inicial ata o resultado final.

Despois das intervencións abrirase un coloquio de 45 minutos moderado por convidados especializados, co obxectivo de fomentar un diálogo real entre relatores e asistentes.

A organización destaca que esta fórmula pretende “achegar o deseño desde unha perspectiva máis transparente e humana”, convertendo o evento nun espazo de intercambio de experiencias e reflexión compartida.

Aforo limitado e aposta polo talento galego

As xornadas contarán cun aforo reducido a 70 persoas por sesión para favorecer unha experiencia máis próxima e participativa. As entradas terán un prezo de 10 euros.

Proxectar 2026 conta co patrocinio de Deleite, que repite o seu apoio ao proxecto por segundo ano consecutivo, e incorpora nesta edición a Vertisol, empresa especializada en solucións téxtiles para deseño e arquitectura con fábrica en Moraña.

O evento mantén tamén o respaldo institucional do Concello de Nigrán, que reforza así a súa aposta por atraer iniciativas culturais e creativas ao Val Miñor.

Na súa primeira edición, Proxectar reuniu nomes como Jon Marshall, Tomás Alonso, Paula Ojea ou o estudo Estar, deixando patente o interese crecente polo deseño industrial contemporáneo en Galicia.

Nigrán volve mirar ao futuro do deseño: Proxectar reúne figuras internacionais en Porto...
Comentarios