O Auditorio do Centro Dotacional de Torroso converterase o vindeiro 7 de xuño, ás 18.30 horas, no epicentro da música e da tradición popular galega coa celebración do VIII Festival Abrente Folk, unha cita xa consolidada dentro da programación cultural do Concello de Mos.
Nesta edición, o festival combinará actuacións musicais e de baile cunha emotiva homenaxe aos directores de rondallas que, ao longo de décadas, contribuíron a conservar e transmitir unha das manifestacións culturais máis arraigadas da contorna.
Sobre o escenario participarán o Grupo Folclórico Santa Columba de Ribadelouro, o Grupo de Música e Baile Tradicional Traspés, a Asociación Cultural Os Zoqueiros, o Coro Galego Abrente e Son do Abrente, nun encontro que busca poñer en valor o patrimonio musical galego e o labor das agrupacións culturais.
O acto servirá tamén para recoñecer a traxectoria de figuras históricas do movemento rondalleiro como Francisco Romero Lorenzo, José Pérez Bugarín, Ramón Balado Jorge, Jaime Lorenzo Alonso, Agustín Lorenzo Alonso, Manuel Campo Villar, Alfonso Balado Jorge, Joaquín García Pérez, Isidro García Pérez, Francisco Pereiro Costas, Román González Serodio, Javier Alonso Pérez “Chisco” e Cándido Álvarez Campo.
A homenaxe incluirá igualmente unha lembranza especial, a título póstumo, para Javier Vila Pérez e José Fernández Fernández, en recoñecemento ao legado que deixaron na conservación da tradición musical popular.
Desde o Concello de Mos destacan que o Abrente Folk é “moito máis ca un festival musical”, xa que constitúe un espazo de encontro interxeracional e un tributo ás persoas que fixeron posible que a tradición das rondallas continúe viva nas novas xeracións.
A entrada será gratuíta e, ademais, durante a celebración realizarase o sorteo dun agasallo entre todas as persoas asistentes.
O VIII Abrente Folk está organizado polo Círculo Cultural Abrente coa colaboración do Concello de Mos, a Comunidade de Montes de Torroso e a Deputación de Pontevedra.
