'Memoria da Melancolía' é o título do concerto que o músico e investigador tudense Samuel Diz ofrecerá este sábado, 14 de marzo, ás 20.30 h no Teatro Municipal de Tui. Será a estrea do seu novo traballo discográfico que interpretará cunha réplica da guitarra de Federico García Lorca, que tocará por vez primeira neste concerto.
Este evento
musical foi presentado este mediodía polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a
concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, e o propio Samuel Diz.
O alcalde,
Enrique Cabaleiro, felicitaba a Samuel Diz por “volver os teus ollos sobre a
xeración do 27, que marcou culturalmente o país” e que con este traballo vólvese
a pór de actualidade nunha aposta, dicía o rexedor, “acertada e valente”. Enrique
Cabaleiro agradecía ao músico o feito de “converter a Tui en testemuña
privilexiada deste evento” coa estrea na cidade desta obra, o que apuntaba “amosa
o compromiso e aposta de Tui pola cultura”. Facía un chamamento ao público a
acudir a “un evento único e moi especial” do que gozaremos o sábado en Tui.
A concelleira de
Cultura, Sonsoles Vicente, amosou a súa satisfacción por poder presentar en Tui
este concerto “no que amais de gozar da música imos poder coñecer mellor á
Xeración do 27 a través da persoa de Mª Teresa León”.
'Memoria da Melancolía' o traballo discográfico que Samuel Diz estrea este sábado en concerto no teatro tudense “é un proxecto concibido dende unha óptica coral, dende unha óptica social e participativa” que parte das memorias autobiográficas de María Teresa León, a quen rende homenaxe. Está formado por 15 temas de Gustavo Durán, Emiliana de Zubeldía, Baltasar Samper, Regino Saínz de la Maz, Adolfo Salazar, Manuel de Falla ou Carlos Guastavino.
O concerto deste
sábado será único xa que en cada evento-presentación Samuel Diz dialogará con
outras persoas sobre o escenario. Neste caso será con Yolanda Castaño que,
vestida de miliciana, porá voz en galego a María Teresa León, e co músico
Benxamín Otero que tocará o corno inglés.
Nunha ampla
exposición, Samuel Diz explicou o traballo de investigación iniciado en 2010
sobre a Xeración do 27 que plasmou xa nun primeiro traballo presentado en 2016
e que continuou en México, París, Roma, distintos lugares de España e La Habana
dando agora lugar a este traballo “Memoria da Melancolía” cunha homenaxe a María
Teresa de León, a través da súa autobiografía.
Precisamente
neste concerto empregará unha copia da guitarra de 1906 de Federico García
Lorca, na que o chopo, unha das árbores que marcaron a vida de Lorca, está moi
presente xa que por dentro a guitarra está unida por pezas de chopo.
Na presentación
desta mañá Samuel Diz lembrou, emocionado, ás persoas que fixeron posible que se
iniciara no mundo da música en Tui, e a todos aqueles que o teñen apoiado na
súa traxectoria profesional e que “permitiron que poida estar vivindo isto”.
As entradas para o concerto deste sábado en Tui están á venda en www.culturatui.info até o sábado ás 12 horas ou o sábado dende ás 19 horas poderanse mercar no despacho de billetes na Área Panorámica aos prezos de 5€ e 4€.
Tras esta estrea
en Tui a próxima semana Samuel Diz ofrecerá o concerto “Picaso guitar maker” nas xornadas “Picaco and paper” que
se celebrarán na Royal Academy of Arts en Londres. E o 28 de maio ofrecerá un concerto de “Memoria
da Melancolía” coa guitarra orixinal de Federico García Local na Huerta de San
Vicente.
Na rolda de
prensa desta mañá Samuel Diz confirmou tamén a celebración do 1 ao 7 de agosto
dunha nova edición de Música no Claustro en Tui, o festival que dirixe.