miércoles. 24.04.2024

'Lugo no tempo', as orixes e evolución da cidade

A proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, documentación histórica, obxectos de alta cultura e cotiáns con gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións. O percorrido leva ao visitante dende as orixes da urbe ata os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX a través dunha escolma de pezas que nos trasladan a momentos e espazos decisivos da cidade.

A Xunta e Afundación inauguran a finais deste mes de marzo en Lugo a que será a terceira das sete mostras que conforman o proxecto Cidades no tempo. Despois de Santiago e Ferrol, Lugo no tempo continúa co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.

A exposición explora a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade que representa un dos mellores casos de convivencia e integración de culturas e costumes: o campo e a cidade, a influencia galaica e a romana. Desde distintas perspectivas como son a economía, a creación artística, a estética urbanística, o entretemento e a memoria, a mostra afonda nunha urbe que foi medrando sempre marcada pola presenza da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e sen perder nunca a escala humana da relación entre a súa veciñanza.

Lugo no tempo será a terceira das mostras que se poñen en marcha no marco do proxecto Cidades no tempo que xa contou con exposicións en Santiago e Ferrol e completará un percorrido polas sete principais urbes galegas

Para facer esta incursión en Lugo, a proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con planos, mapas, documentación histórica, obxectos de alta cultura e cotiáns con gran carga simbólica, obras de arte, fotografías e publicacións. O percorrido leva ao visitante dende as orixes da urbe ata os grandes cambios urbanísticos de finais do século XIX e o despegue do século XX a través dunha escolma de pezas que nos trasladan a momentos e espazos decisivos da cidade. Atopamos referencias ao seu papel como capital agrogandeira, ás súas celebracións emblemáticas, como o San Froilán e o Arde Lucus, desde unha perspectiva antropolóxica, ou á súa relevancia na identidade histórica de Galicia.

A iniciativa está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración de Afundación (Obra Social ABANCA), en cuxas sedes se ubican as exposicións.

Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta exposición conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora Marica Campo.

'Lugo no tempo', as orixes e evolución da cidade
Comentarios