A Fundación Laxeiro únese á celebración do Día Internacional dos Museos o vindeiro domingo, 18 de maio, cunha programación especial de visitas comentadas que permitirán ao público achegarse de maneira única á arte contemporánea e á obra do mestre Laxeiro.
A xornada comezará ás 12:15h na Sala B cunha visita comentada á exposición temporal "Seis cabezas" de Alejandro Fuertes (Avilés, 1997). O propio artista estará acompañado por Javier Pérez Buján, comisario da exposición, para ofrecer unha perspectiva de primeira man sobre este proxecto escultórico. "Seis cabezas" mergúllase na investigación de Fuertes sobre os residuos sólidos urbanos como material artístico, tema central da súa tese de doutoramento. A través da que el denomina "estética da devastación", o artista reflexiona sobre as contradicións do consumismo e a fugacidade da vida, utilizando a transformación en lixo como metáfora da certeza da morte.
A continuación, ás 13:00h na Sala A, o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, guiará unha visita comentada á Colección permanente, que alberga 68 obras de Laxeiro. Nesta ocasión, ademais de percorrer a traxectoria do artista a través das súas pezas máis representativas, presentaranse dúas novas incorporacións á colección: dous depósitos temporais procedentes de coleccións particulares. Trátase de "Grupo de feirantes", un óleo sobre lenzo de 1932 que evidencia o compromiso dun Laxeiro moi novo coas vangardas a través dun tema popular, e "Anano afogado", un óleo sobre lenzo de 1958 que exemplifica a liña tenebrista do pintor.
As visitas son gratuítas, pero requiren reserva previa mediante o envío dun correo electrónico a fundacion@laxeiro.org antes do venres, 16 de maio, ás 14:00h.
Non perda a oportunidade de vivir unha xornada de arte e reflexión na Fundación Laxeiro neste Día Internacional dos Museos.
