O Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo e o Concello volveron apostar pola creatividade literaria dos máis pequenos coa convocatoria dunha nova edición do Certame Literario Os Picariños Mestre Hermidas 2026, dirixido ao alumnado de Educación Primaria dos centros educativos do municipio.
O concurso, dividido en diferentes categorías segundo a idade e modalidade literaria, reuniu traballos de narrativa e poesía escritos en galego, inéditos e de temática libre, destacando unha vez máis a elevada participación e o nivel creativo do alumnado dos colexios A Florida, Cruceiro de Vilalonga e Nantes.
No Primeiro Ciclo de Primaria, correspondente a 1º e 2º curso, o premio de Narrativa foi para Roi Macías, do colexio A Florida, coa obra A ratiña Elisa. O segundo posto foi para Iván Cereijo con O paxariño, mentres que Marcelo Zubiría acadou a terceira posición con A viaxe.
Na modalidade de Poesía deste mesmo ciclo, Lucas García conquistou o primeiro premio coa composición A osa desastrosa. Martín Garea foi segundo con A vaca e Mía Padín terceira con Natureza, todos eles tamén alumnos de A Florida.
Xa no Segundo Ciclo, para alumnado de 3º e 4º de Primaria, María Juviño, do Cruceiro, impúxose en Poesía coa obra Personaxes. Cayetana Martínez, tamén do Cruceiro e xa premiada na pasada edición, foi segunda con Voadoras, mentres que Iker Lorenzo, de A Florida, acadou o terceiro posto con O mundo das froitas.
En Narrativa deste segundo tramo educativo, o primeiro premio foi para Sara Masib, do Cruceiro, por A pócema máxima. María Juviño sumou outro recoñecemento co segundo posto grazas a O tenis e a amizade, e Gala Montes, de A Florida, foi terceira con Un gran amigo. Ademais, o xurado concedeu un accésit a Lina Montes por A maldición da obra de teatro de cuarto, do colexio Nantes.
No Terceiro Ciclo, correspondente a 5º e 6º de Primaria, a modalidade de Poesía estivo dominada polas alumnas de A Florida. Carmen Miguéns gañou con Os libros, seguida de Alba Pérez con Ó lado do mar e Bianca Peña con As cores non teñen xénero.
Finalmente, en Narrativa do Terceiro Ciclo, o primeiro premio foi para Víctor Thalles, do Cruceiro, coa obra Un pequeno pobo. Alba Pérez, de A Florida, acadou a segunda posición con Bailando no tempo, e Paula Padín, tamén do Cruceiro, foi terceira con As sombras do faro vello.
A entrega de premios celebrouse no Auditorio Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo coa presenza dos concelleiros Natividad Parada e Xoán Pérez, responsables das áreas de Educación e Cultura, respectivamente, ademais do xerente do Círculo Cultural, Antón Hernández.
