O CEIP O Pombal acolle o primeiro acto de homenaxe a Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas 2026

Ilustración DL-G.
A Real Academia Galega presenta este luns en Vigo unha nova edición de Primavera das Letras, dedicada á escritora e xornalista, cunha peza teatral de An Alfaya ilustrada por Laura Romero.

O CEIP O Pombal de Vigo acollerá mañá luns 2 de marzo o acto de presentación da nova edición de Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega (RAG) dirixido ao público infantil. A cita converterase no primeiro acto presencial de homenaxe a Begoña Caamaño, autora á que a institución dedica o Día das Letras Galegas 2026.

O centro educativo do barrio do Calvario, onde a escritora e xornalista viviu os seus primeiros anos, será o escenario desta celebración na que a comunidade escolar terá un papel protagonista. O alumnado do Pombal presentará o seu propio tributo á autora nun acto conducido pola académica Fina Casalderrey, coordinadora da iniciativa.

Nesta edición, Primavera das Letras conta coa colaboración da escritora viguesa An Alfaya, autora da peza teatral Uuu-uuu, BEGOÑA! (Teatro para a infancia cun LANZAMENTO, tres LANCES e un DESENLANCE), unha proposta chea de maxia na que Begoña Caamaño se reencontra coas personaxes das súas novelas. O texto está ilustrado pola creadora Laura Romero e estará dispoñible desde o luns na páxina web do proxecto, primaveradasletras.gal.

An Alfaya e Laura Romero intervirán no acto, que concluirá coas palabras do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e de Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada, en representación da familia.

Primavera das Letras é unha iniciativa da Real Academia Galega en marcha desde 2016 co apoio económico da Deputación da Coruña, coa que a institución promove entre a infancia o coñecemento das figuras ás que se dedica cada edición do Día das Letras Galegas.