A Biblioteca de Tui ofrece un espectáculo de narración e monicreques para público infantil

A animación á lectura chega á Biblioteca de Tui da man de Galitoon e o seu divertido espectáculo “Os descontacontos”, deseñado para cativar aos nenos e nenas.
Hoxe mesmo, a Biblioteca de Tui ofrece un plan perfecto para a tarde dos máis pequenos: o espectáculo de narración e monicreques “Os descontacontos” de Galitoon.
A Biblioteca Pública Municipal de Tui acollerá o vindeiro martes, 27 de maio, ás 17.30 horas unha nova actividade de animación á lectura. Trátase do espectáculo de narración e monicreques “Os descontacontos” a cargo de Galitoon, dirixido a nenos e nenas de 3 a 9 anos de idade.

Esta proposta forma parte da programación de “Tui en letras”, que durante os meses de maio e xuño ofrece preto de vinte actividades para todos os públicos.

“Os descontacontos” é un espectáculo creado como homenaxe aos avós e avoas contadores de historias. Don Carmelo, o protagonista, é un avó que comeza os contos polo final ou que non se lembra deles, inventando personaxes e situacións inverosímiles. Coa axuda do seu canciño Rús e a participación do público, intentará rematar os contos da maneira correcta.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, anima ás familias a achegarse á Biblioteca municipal para gozar desta nova sesión de contacontos. Subliña que esta actividade convida aos nenos e nenas a achegarse ao mundo da lectura e das letras galegas, neste caso a través da narración oral, que centra o Día das Letras Galegas deste ano 2025, e a súa transmisión no ámbito familiar.