O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu hoxe a reunión extraordinaria do padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para abordar a situación actual do recinto. No encontro, o conselleiro apelou á necesidade de seguir avanzando na folla de ruta liderada pola Xunta de Galicia para potenciar o Ifevi e urxiu unha resposta inmediata ao Concello de Vigo e á Zona Franca respecto á formalización do preacordo alcanzado en novembro de 2024. O obxectivo é evitar que a situación se siga dilatando e poder contar canto antes co plan funcional e o plan estratéxico para a dinamización do recinto.
En declaracións previas á reunión, o titular de Emprego reiterou a máxima vontade de colaboración por parte da Xunta co Concello e con Zona Franca, sempre pensando no mellor para Vigo e para Galicia, e insistiu na necesidade de avanzar sen perder máis tempo. Nesta liña, subliñou que as outras dúas administracións deben especificar xa se van asinar o preacordo ao que as tres partes chegaron en novembro de 2024: "A posición da Xunta é moi clara. Chegamos a un principio de acordo, no que as tres administracións estarían en pé de igualdade no seo do padroado, que deben decidir xa se queren formalizar ou non". O que si é claro, incidiu, é a vontade da Xunta de seguir avanzando na potenciación do recinto feiral de Vigo.
Xa o ano pasado trasladouse a Conxemar -un dos actores estratéxicos relacionados co Ifevi- a necesidade de elaborar un plan funcional para potenciar o recinto feiral. Neste contexto, Zona Franca realizou a oferta pública de investir 18 millóns de euros a cambio de entrar no padroado do Ifevi, celebrándose posteriormente unha serie de negociacións que desembocaron nese principio de acordo, cedendo desde o Goberno galego a todas as condicións esixidas polo Concello e por Zona Franca.
Posicionamento contraditorio do Concello
González lamentou o posicionamento do Concello, do que "nestas últimas dúas semanas estamos escoitando declaracións contraditorias e imputando falsidades cando o único que se fixo é poñer datos obxectivos da contabilidade do Ifevi".
En relación co contido do preacordo, fronte á achega dos 18 millóns de euros de Zona Franca, tanto Xunta como Concello comprometíanse a aportar os terreos, inmobles e instalacións que teñen no recinto feiral e, ademais, se nesta potenciación é necesario superar os 18 millóns que achegaría Zona Franca para entrar no padroado, todas as achegas posteriores nesta nova etapa serían cofinanciadas a partes iguais entre as tres administracións, asumindo todas as decisións por unanimidade.
Neste sentido, José González insistiu en que se trata dun preacordo claro e consensuado, con cifras oficiais de investimentos recollidas na contabilidade do padroado. Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que a Administración autonómica segue coa man tendida e que "non entrará en ningún debate estéril nin en polémicas que alonxen dos obxectivos de dinamización do Ifevi".
A reunión de hoxe do padroado do Ifevi dá continuidade aos contactos que o Executivo autonómico leva liderando e mantendo con todas as partes implicadas a favor de impulsar esta infraestrutura estratéxica para a economía de Vigo e de Galicia.
