viernes. 29.03.2024

Os xardíns da contorna do Pazo de Mos, recentemente galardoada coa Q de Calidade, foron esceario onte do acto de presentación da escultura dunha costureira, instalada no lugar tras ser doada pola Escola Provincial de Canteiros á Comunidade de Montes de Mos.

Estiveron presentes no descubrimento da nova peza escultórica os presidente e secretario da Comunidade de Montes de Mos, Manuel Barciela e Ramón Muíños, respectivamente, o presidente da Fundación Pazo de Mos, Antonio Rial, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e os deputados provinciais Carlos López Font, Noemí Outeda e Victoria Alonso, xunto con outros membros das directivas da Comunidade de Montes e Fundación Pazo de Mos.

Esta nova escultura na contorna do Pazo instálase co fin de difundir o patrimonio histórico-artístico galego e mosense e poñelo en valor. A peza de granito, elaborada polo alumno da Escola de Cantería, Jonathan Mariñas García, conta cunhas medidas de 145 x 90 x 100.

O traballo de Jonathan Mariñas pon en valor o gran traballo que tanto el como o resto das mozas e mozos compañeiros seus desenvolven neste centro de formación.

A escultura da costureira ensalza a cultura e a idiosincrasia galega e mosense, xa que foi un oficio desempeñado por moitas mulleres mosenses ao longo da historia. Ademais de achegarlle a arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional.

A costureira instalada xunto ao Pazo de Mos forma parte da exposición escultórica "D' Pedra" (formada por 16 pezas de granito feitas polo alumnado Escola de Cantería, e que na maior parte dos casos representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá) e, como se dixo, foi realizada por un dos alumnos/as da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.

Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e, ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. En Mos atópanse instaladas 4 pezas da Escola de Canteiros: esta costureira, o homenaxe á emigración en Peinador, as leiteiras en Dornelas e a réplica da fonte orixinal nos exteriores do Pazo de Mos, moi preto de onde agora se atopa instalada a costureira.

Unha escultura dunha costureira pretende "ensalzar a cultura e a idiosincrasia galega e...