O Concello de Tui asegura a súa continuidade no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), garantindo que as opinións das crianzas e mocidade tudense sigan presentes neste espazo de participación a nivel galego.
Na nova etapa, Eva, membro activo do grupo de participación infantil e xuvenil tudense “ParTUIcipando”, asume a representación das nenas, nenos e adolescentes de Tui durante os próximos dous anos. Eva toma así o relevo de Adela, quen exerceu este rol ata o momento.
O CAIA é un órgano dependente da Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal fomentar a participación real da infancia e adolescencia, ofrecéndolles un foro para compartir as súas opinións, presentar propostas e participar nas decisións que lles afectan, tanto directa como indirectamente, no ámbito galego.
Este consello está composto por trinta mozos e mozas de diversos concellos galegos que contan con estruturas de participación infantil e xuvenil consolidadas, así como por representantes de entidades que traballan coa infancia e do sistema galego de protección.
Na reunión celebrada o pasado mércores, o grupo de participantes do CAIA tivo a oportunidade de dialogar con Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e con Belia Méndez, subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte. Durante o encontro, abordáronse diversas iniciativas orientadas a impulsar a participación da infancia no ámbito deportivo.
Jacobo Rey destacou a relevancia do traballo que desenvolve o Consello e reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir escoitando de maneira activa á mocidade galega. Ademais, aproveitou a ocasión para dar unha cordial benvida ás novas incorporacións ao grupo.
Desde o Concello de Tui, a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, puxo en valor o importante labor que leva a cabo o grupo ParTUIcipando a nivel local, e subliñou a importancia de que unha das súas integrantes forme parte tamén do Consello Autonómico. A concelleira lembrou ademais que o Concello de Tui continúa traballando para obter o recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia por parte da UNESCO.
