martes. 04.11.2025

O Concello de Tui anunciou a apertura do prazo para a presentación de solicitudes ás axudas á Rehabilitación de Edificios e Vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Conxunto Histórico da localidade, correspondente á 2ª convocatoria da Fase 13ª.

Estas achegas económicas están destinadas tanto a edificios de tipoloxía residencial colectiva como a vivendas unifamiliares, co obxectivo de subvencionar actuacións de rehabilitación, conservación e mantemento. As axudas consistirán na subvención a fondo perdido das obras, así como no asesoramento técnico e, de ser necesario, na elaboración da documentación técnica.

Esta convocatoria conta cun orzamento total de 69.658,22 euros, dos cales 57.762,58 € son achegados polo Ministerio de Fomento e 11.895,64 € pola Comunidade Autónoma.

Serán subvencionables diversas actuacións, incluíndo a execución de obras de mantemento e intervención en vivendas unifamiliares e edificios (tanto no interior das vivendas como en instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns), accións para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade, e actuacións para a conservación, a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

O importe subvencionable poderá incluír os honorarios dos profesionais, o custo de redacción de proxectos, direccións técnicas, informes e certificados necesarios, os gastos de tramitación administrativa e outros gastos similares debidamente xustificados. Non se incluirán impostos, taxas e tributos no orzamento total das obras.

Para poder acceder a estas axudas, os inmobles deben ter unha antigüidade superior a 10 anos, agás nos casos de adaptacións para persoas con mobilidade reducida ou obras necesarias para adaptar as instalacións á normativa técnica vixente. As obras subvencionables poderán estar iniciadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023.

As axudas poderán alcanzar os 8.000 euros, cun límite do 40% do importe da actuación para obras de conservación e accesibilidade. Para actuacións de eficiencia enerxética con reducións de demanda enerxética, as axudas poderán chegar aos 12.000 euros, cun límite do 75% do importe da actuación se os ingresos da unidade de convivencia son inferiores a 3 veces o IPREM ou se existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos e se acometen actuacións para a mellora da accesibilidade.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de xuño de 2025. As bases e a convocatoria foron publicadas o pasado venres no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

As persoas interesadas poden obter máis información na Oficina de Rehabilitación do Concello de Tui (departamento de Urbanismo), na web tui.gal ou a través do correo electrónico ari@tui.gal. Tamén se pode solicitar cita previa en citasurbanismo@tui.gal ou no teléfono 607 355 841.

Tui abre o prazo para solicitar axudas á rehabilitación de vivendas no seu conxunto...
Comentarios