jueves. 05.12.2024

O Concello de Ponteareas comezou as primeiras actuacións para a creación do Sendeiro do río Uma, unha ruta que ten como principal obxectivo “a mellora dunha contorna natural que tradicionalmente viña sufrindo unha alta presión polas actividades de uso público que se viñan desenvolvendo nela”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

Trátase dun sendeiro circular de 12 quilómetros que percorrerá as ribeiras do río Uma nas parroquias de Ponteareas, Angoares e Fontenla, chegando case ao límite co concello de Salvaterra de Miño, na súa maior parte por espazos protexidos pola Rede Natura 2000 dentro da ZEC Río Tea. A través deste roteiro autoguiado conducirase ás persoas visitantes para o desfrute recreativo e didáctico minimizando os posíbeis danos á contorna natural.

o Sendeiro do río Uma 02
Sendeiro do río Uma

“A ordenación do tránsito de sendeiristas e ciclistas e a prevención da erosión nas ribeiras do río Uma son dúas demandas históricas que se verán cumpridas coa creación deste sendeiro, evitando así a degradación e o deterioro ambiental e promovendo a recuperación do espazo”, salienta Covelo, que lembra que ademais do roteiro acometeranse accións orientadas á conservación da biodiversidado e ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e culturais desta zona ponteareá de alto valor ambiental.

O sendeiro contará con seis accesos principais: na desembocadura do río Uma co río Tea, na Manguiña, na Ponte do Cabalón, na Ponte Alta, na Ponte do Fradigo e á altura do punto quilométrico 9 da PO-403. Ademais, versará sobre tres eixos temáticos: o río Uma, a flora de ribeira e o patrimonio etnográfico e cultural. Así, parte do sendeiro estará dedicado ao escritor Alfonso Pexegueiro, nado na parroquia ponteareá de Angoares e á que fai referencia no título do seu libro ‘Seraogna’, o nome da parroquia ao revés.

O sendeiro do río Uma configurará un percorrido singular onde carballos, amieiros, abeleiras, estripeiros ou xibardas se mesturan coas construcións hidráulicas tradicionais, como canles, muíños, pontellas, presas de cachotería..., seguindo o frescor do decorrer do río Uma cos sons da súa fauna e coa paisaxe de zonas de cultivo rurais de fondo.

Un sendeiro circular de 12 quilómetros percorrerá as ribeiras do río Uma
Comentarios