viernes. 26.04.2024

O concello de Tui vén de recibir a notificación da Consellería de Emprego e Igualdade da concesión dunha subvención de 503.987,00 € para a realización do obradoiro dual de emprego 'Senda río Furnia', nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Trátase dun proxecto moi ambicioso que ten coma finalidade a formación  en dúas profesións con gran demanda laboral

No mesmo formaranse 20 alumnos e alumnas nas especialidades de “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e outra de madeira de “Montaxe e instalación de construcións de madeira”. Ao remate desta acción formativa, o alumnado recibirá o correspondente certificado de profesionalidade nestas dúas profesións.

O obxectivo é recuperar a riqueza natural e cultural da conca do río Furnia no termo municipal de Tui, coa creación dunha senda de 4.650 metros á beira do río.

O alcalde Enrique Cabaleiro e a concelleira de Emprego e Formación, Ana Núñez, amosan a súa satisfacción pola consecución deste novo obradoiro de emprego que ofrecerá competencias para acceder ao emprego mellorando o currículo destas vinte persoas (ODS 4, 6, 11 e 15,). Engaden, ademais, que Tui avanza no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) promovendo oportunidades de aprendizaxe para toda a vida para todos/as. Tamén dá os primeiros pasos nos compromisos marcados pola Axenda Urbana Española no seu obxectivo estratéxico 1 coa mellora do patrimonio natural e a protección da paisaxe, a recuperación da biodiversidade e a creación de infraestruturas verdes que promovan a conectividade ecolóxica.

SENDA FLUVIAL DE 4.650 METROS

O proxecto inclúe, por unha banda, a integración ambiental do propio curso fluvial e, por outra, unha senda peonil de 4.650 metros de lonxitude na zona de servidume de tránsito do río nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Para a súa execución contémplase a limpeza de vexetación, colocación de tocos de sinalización, paneis informativos, varandas e pontellas de madeira. Coa execución desta senda o concello dará resposta a unha vella aspiración da veciñanza destas dúas parroquias tudenses.

O río Furnia, que nace no Parque Natural do Monte Aloia e desemboca no río Miño en Tomiño, destaca pola importancia da súa flora e pola súa riqueza patrimonial, xa que ao longo do seu percorrido e contorna existen numerosos muíños, pontes e outros elementos patrimoniais de consideración.

20 ALUMNOS

Agora, tras recibir a resolución favorable por parte da Consellería, o proceso de selección comezará nas próximas semanas e as persoas interesadas en participar deberán estar inscritas na oficina de emprego nas áreas correspondentes. A subvención solicitada contempla tamén a contratación dunha persoa para o cargo da dirección, outra para  titoría, outra a tempo parcial para auxiliar de oficina, e dúas persoas como docentes. O alumnado deberá estar en posesión do graduado en ESO ou superior, ser maior de 18 anos e estar inscritas na oficina do Servizo Público de Emprego de Tui. Para a selección tanto do persoal de administración como para o alumnado, o Concello solicitaría á oficina do SPEG unha listaxe de persoas que cumpran as condicións e realizaría o proceso de selección seguindo as instrucións da Consellería. Vinte persoas desempregadas estarán durante 12 meses formándose, ao tempo que desenvolverán un traballo remunerado de interese xeral en beneficio dos veciños e veciñas  de Tui.

Senda río Furnia, obradoiro dual de emprego
Comentarios