sábado. 27.04.2024

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Salvaterra de Miño colaborarán na procura de terreos idóneos para habilitar un polígono agroforestal destinado a cultivo de viñedo para a denominación de orixe (DO) Rías Baixas.

 Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural, José González, e a alcaldesa desta localidade pontevedresa, Marta Valcárcel, nun encontro de traballo que mantiveron nos últimos días e no que tamén participaron de forma telemática os directores xerais de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

 O obxectivo desta colaboración é o de determinar a zona máis acaída para a posta en marcha desta figura do polígono agroforestal, contemplada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos estes instrumentos, tal como lle trasladou o conselleiro á rexedora municipal, teñen como principal finalidade poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.

 A reunión centrouse ademais en afondar na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención e defensa fronte os incendios forestais, que se materializa na participación de Salvaterra de Miño no convenio de protección das aldeas asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, así como nos labores preventivos mecanizados sobre o terreo.

 A xuntanza serviulles tamén aos responsables da Consellería do Medio Rural para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro.

Salvaterra podería contar cun polígono agroforestal para cultivo de viñedo da...