A rúa Galicia levaba marcada no planeamento municipal dende o ano 93. Agora xa está en obras, valoradas en 230 mil euros. Con este orzamento vaise urbanizar o tramo da rúa Galicia entre as Rúas Curros Enríquez e Castelao. Vanse realizar movementos de terras, instalación dos servizos públicos de abastecemento, saneamento e alumeado. Unha vez executados os servizos vaise pavimentar o vial, executar as beirarrúas e colocar as árbores e mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Ademais construirase un muro de contención no inicio do tramo de Castelao debido ao desnivel do terreo.
Esta é unha das rúas que vertebra o tráfico na vila. A rúa que se foi abrindo pouco a pouco, e da cal quedaba un tramo pechado. Agora debido ao incremento de tránsito de vehículos que ten rúa Miño, pola súa conexión coa Ponte Internacional, faise máis necesario ca nunca que se execute coa máxima celeridade posible co fin de vertebrar dunha forma máis eficiente o tráfico no centro urbano. Deste xeito, vaise cumprindo escrupulosamente co trazado marcado nas normas, os límites sinalados no plano, e cumprindo coa normativa vixente e a legalidade, afirma o Concello nun comunicado de prensa.
Grazas a un convenio asinado coa Xunta de Galicia de 500.000€ o ano pasado o Concello de Salvaterra puido levar a cabo este proxecto de expropiación dos terreos por un importe total de 269.057 euros, cunha valoración do chan de 102 euros/m2 e coa restante valoración de bens afectados, como árbores, muros, plantas, entre outros.