jueves. 28.03.2024

Rúa Barca, un espazo amable

O proxecto abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.390 m2, ubicada no casco urbano de Tui, e constitúe un segmento do tramo urbano do Camiño portugués de Santiago ao seu paso pola cidade. O ámbito afecta á Rúa da Barca completa, que está pavimentada en asfalto, desde a intersección na  ribeira sur coa Rúa Tenencia, próxima ao embarcadoiro, ata a intersección polo norte con Rúa Arcebispo Maceira, esta xa pavimentada en pedra.
Rúa Barca.
Rúa Barca.

O fomento da mobilidade activa, a creación de espazos públicos seguros e accesibles e a mellora significativa da calidade urbana e ambiental son, segundo o alcalde Enrique Cabaleiro, algúns dos obxectivos do proxecto de acondicionamento da rúa Barca que vén de ser solicitado á rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra.

O proxecto abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.390 m2, ubicada no casco urbano de Tui, e constitúe un segmento do tramo urbano do Camiño portugués de Santiago ao seu paso pola cidade. O ámbito afecta á Rúa da Barca completa, que está pavimentada en asfalto, desde a intersección na  ribeira sur coa Rúa Tenencia, próxima ao embarcadoiro, ata a intersección polo norte con Rúa Arcebispo Maceira, esta xa pavimentada en pedra.

As actuacións contemplan a substitución do firme asfaltado por pavimentos de gran calidade, como lousa, adoquín de granito, que se concretarán na fase de proxecto. Estes pavimentos terán unhas características que permitan o tránsito moi restrinxido de vehículos de residentes. De xeito complementario prevese a creación de pequenas áreas de descanso á sombra non ensanchamentos, a dotación de mobiliario urbano e iluminación. As actuacións tratarán de potenciar o seu valor como elemento singular de gran calidade ambiental.

Cabaleiro explica que se acadará unha superficie total para o peón de 2.980 m2, cun incremento de 2.690 m2 que representa gañar un 927,6% máis do espazo actual destinado ás persoas.

Con esta iniciativa cúmprese cos compromisos non só da rede ÁGORA se non tamén cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 11 (ODS), eixo da Axenda Urbana Española recuperando para o peón o espazo público. A rúa Barca, neste momento, asume a contradición de ser un itinerario destinado a ser camiñado pero que ten unha pavimentación que acentúa a prioridade do automóbil. Por está razón, é intención esencial deste proxecto a solución desta anomalía.

O proxecto establecerá claramente a prioridade peonil ao tempo que completará a posta en valor dun espazo que xa o ten desde o punto de vista cultural e patrimonial pero non material, promovendo unha mellora moi substancial tanto da calidade arquitectónica como ambiental facendo a zona máis atractiva para as persoas e para o comercio.

Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e poidan ser utilizados polos habitantes de tódalas idades e polos peregrinos e visitantes dun xeito seguro e amable.

O goberno de Tui vén de solicitar á Deputación de Pontevedra, a través da rede ÁGORA,  o seu apoio para distintos proxectos que gañarán un total de 7.023 metros cadrados para as persoas despois de actuar en máis de 13.307 m2..

Rúa Barca, un espazo amable
Comentarios