sábado. 02.11.2024

O Concello inviste preto de 15.000 euros na recuperación dun espazo público situado nas beiras do río Tea. Trátase do Regato da Venda, un itinerario que presenta na actualidade un avanzado estado de deterioro logo de dous anos sen que se acometera ningún tipo de tarefa relacionada co seu mantemento.

Así, co obxectivo de recuperar este espazo de lecer para a veciñanza, o Concello acometerá diferentes obras como a recomposición dos distintos tramos das pasarelas ou o arranxo do peche perimetral do parque infantil. Ademais, para potenciar a súa posta en valor, a administración local vén de solicitar a limpeza das augas á Confederación Hidrográfico do Miño-Sil. A petición trasladouse hai máis de tres meses polo que o goberno municipal agarda que se poidan levar a cabo nos próximos días.

De igual xeito, esta actuación inclúe a colocación de táboas antiesvaramento para garantir unha maior protección dos usuarios e das usuarias desta infraestrutura que percorre un dos atractivos do municipio así como o acondicionamento do tellado que protexe o lavadoiro, mediante a substitución de tellas rotas por outras da mesmas características.

A alcaldesa, Nava Castro, apunta que “continuamos co noso obxectivo de recuperar os espazos públicos, neste caso coa posta en valor do Regato da Venda, para que estea ao servizo dos nosos veciños e veciñas. Ademais, supón unha infraestrutura que funciona como un dos reclamos para os visitantes” 

Regato da Venda, espazo de lecer para a veciñanza
Comentarios