martes. 04.11.2025

O Concello do Porriño puxo en marcha un importante plan de renovación e mellora que afectará a cinco parques infantís e unha área biosaudable distribuídos en varias parroquias do municipio. Os traballos, cun prazo de execución estimado de seis meses, contan cun orzamento total de 74.300 euros, dos que 10.900 euros son fondos propios do Concello e o resto está financiado polo Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que estas actuacións responden ao "compromiso firme do goberno municipal coa seguridade e benestar das nosas familias, especialmente dos máis pequenos", destacando a importancia dos parques infantís para o desenvolvemento infantil.

As melloras incluirán a instalación de novos pavimentos amortecedores, a restauración de xogos deteriorados, a renovación de valados e a incorporación de novo equipamento biosaudable. Ademais, todos os espazos contarán con carteis informativos sobre idades recomendadas, contactos e normas de uso.

Os traballos realizaranse en espazos de Cans (parque da Graña e do Río Couso), Torneiros (parque da Fase I e do Alba), Mosende (parque da Costeira) e Budiño (parque da Forna). As actuacións van desde a renovación de pavimentos e valados ata a substitución de equipamento biosaudable e a mellora integral de áreas infantís con novo deseño e céspede artificial.

Paralelamente, o Concello investiu preto de 19.700 euros na adquisición de nova maquinaria para reforzar o mantemento destas áreas, incluíndo un cortacéspede profesional e un remolque de grandes dimensións.

O concelleiro da área, Marcos Martínez, explicou que este proxecto responde a demandas veciñais e supón "un salto cualitativo tanto en seguridade como en accesibilidade". Engadiu que se está traballando para que "todas as crianzas do Porriño poidan desfrutar de espazos renovados, seguros e atractivos", e que a nova maquinaria garantirá o bo estado destas áreas durante todo o ano.

O equipo de goberno destaca que esta intervención é unha mostra da súa aposta polo equilibrio territorial e o benestar das familias, e que continuará nesta liña con novos proxectos nas distintas parroquias para garantir áreas de xogo seguras, modernas e accesibles para todos os nenos e nenas do Porriño.

O Porriño renova parques infantís e área biosaudable con 74.300 euros
Comentarios