O Concello do Porriño segue a desvelar os premiados da II edición dos Premios Antonio Palacios, que se entregarán este sábado nunha gala especial. O Premio á Empresa será outorgado conxuntamente a Imprenta Paz e Gráficas Bolfer, dúas compañías que o consistorio considera "fundamentais no tecido económico do municipio".
Unha traxectoria de tradición, innovación e compromiso
O galardón recoñece a ambas as imprentas como referentes no sector gráfico, destacando unha traxectoria que fusiona a tradición familiar coa innovación tecnolóxica e un profundo compromiso co Porriño. Ao longo das décadas, Paz e Bolfer souberon evolucionar, adaptándose aos novos tempos sen perder a súa esencia, e apostando pola calidade e o servizo á comunidade.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que "Paz e Bolfer representan o espírito emprendedor e resiliente do Porriño. Son empresas que naceron aquí, medraron aquí e seguen contribuíndo cada día ao progreso da nosa vila. Este premio é tamén un recoñecemento á industria local que crea valor, emprego e identidade".
O Premio Antonio Palacios á Empresa busca destacar o labor de persoas, compañías ou proxectos que xeran un impacto positivo e sostido no desenvolvemento económico e social da contorna. Neste caso, a distinción pon o foco nun sector clave na historia moderna do Porriño, que continúa a ser símbolo de profesionalidade, creatividade e compromiso co territorio.
O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, engadiu que "estas imprentas son moito máis ca negocios: son parte da memoria viva da vila. Co seu traballo silencioso, teñen contribuído a contar a nosa historia, a dar forma a ideas e a impulsar centos de proxectos culturais, educativos e empresariais. Este recoñecemento era necesario e merecido".
            
            
              