O Concello de Mos colaborará con AEMOS na organización da I Carreira Popular ACTIVAEMOS, unha iniciativa que se celebrará o vindeiro 11 de outubro e que nace co obxectivo de promover o deporte como espazo de participación cidadá e, ao mesmo tempo, contribuír á sensibilización fronte á violencia de xénero.
Para avanzar na preparación desta primeira edición mantívose unha reunión de coordinación na que participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o concelleiro de Igualdade, Leo Costas; a directora do Centro de Información á Muller, Ana Cabaleiro; a deputada provincial de Igualdade, Paula Bouzós; e representantes de AEMOS.
Durante o encontro abordáronse as principais necesidades organizativas da carreira e acordouse establecer unha liña de colaboración entre o Concello e AEMOS para impulsar unha iniciativa que pretende implicar ao tecido empresarial, á cidadanía e ás institucións nun proxecto cun marcado carácter social.
A carreira enmárcase na conmemoración do décimo aniversario do programa Insere Activa, desenvolvido por AEMOS para favorecer a inserción sociolaboral de mulleres vítimas de violencia de xénero. Ao longo destes dez anos, o programa acompañou a numerosas participantes no seu proceso de acceso ao emprego e na recuperación da súa autonomía persoal.
Nesta primeira edición serán precisamente as mulleres que participan no programa Activa 10 quen desempeñen un papel relevante na organización da carreira, contribuíndo activamente ao desenvolvemento dunha proposta que busca poñer en valor a inserción laboral como ferramenta para construír novas oportunidades.
A I Carreira Popular ACTIVAEMOS terá tamén un compoñente solidario, xa que o excedente que se obteña coa súa celebración destinarase a unha entidade dedicada á formación e inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.
Coa súa colaboración nesta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coas políticas de igualdade e co apoio a proxectos que fomentan a implicación social do municipio a través da cooperación entre administracións, empresas e cidadanía.
