O Concello do Porriño celebrou esta semana unha nova e saborosa edición da campaña “Quere o teu mercado” cun showcooking especial do recoñecido cociñeiro Julio Mato, que tivo como escenario as instalacións da Praza de Abastos. A actividade, aberta a todo o público, permitiu aos asistentes gozar en directo da elaboración de tres pratos creativos e sorprendentes, todos eles elaborados con ingredientes frescos e de proximidade:
- Ensalada líquida
 - Bocadillo de costela a baixa temperatura, encurtido galego, pan do Porriño e a denominada “salsa definitiva”
 - Tarta de Santiago 3.0
 
“Quere o teu mercado” é a adaptación ao galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, as prazas de abastos e as federacións e asociacións de comerciantes. O obxectivo principal é salientar o valor do comercio local, os produtos de proximidade e o papel esencial que desempeñan os mercados nas nosas vilas.
Un aspecto destacado do showcooking foi que todos os ingredientes utilizados por Julio Mato para a preparación das súas orixinais receitas puideron ser adquiridos no propio mercado municipal do Porriño. Isto demostra a variedade e a calidade dos produtos que ofrece a praza, capaces de inspirar pratos saudables, saborosos e cheos de orixinalidade.
Durante a demostración culinaria, o propio Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, non dubidou en poñerse o mandil e participar activamente na preparación dos diferentes pratos. Con humor e entusiasmo, o alcalde demostrou que a mellor receita é apostar polos produtos locais e gozar da experiencia de cociñar en boa compañía.
Dende o Concello do Porriño reiteran a súa firme aposta polo pequeno comercio, ofrecendo un apoio constante á praza de abastos e fomentando hábitos de consumo sostibles e de proximidade. Lembran que na Praza de Abastos do Porriño pódese atopar, ademais de xente amable e profesional, unha ampla oferta de peixarías, carnicerías, froiterías, floristerías, supermercado e outros negocios locais que traballan diariamente para ofrecer produtos frescos, de calidade e un trato próximo.
Finalmente, o Concello anima a todos a crear as súas propias versións dos pratos degustados no showcooking e a compartir as súas creacións nas redes sociais, etiquetando ao Concello.
            
            
              