O Concello de Ponteareas convida a toda a cidadanía a participar na gala dos Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns Distinguidos/as, que terá lugar este sábado 13 ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. O acto, aberto ao público, nace coa finalidade de recoñecer persoas e colectivos que teñen contribuído de maneira destacada ao avance social, cultural, educativo, deportivo e económico do municipio.
A alcaldesa, Nava Castro, subliña que estes premios pretenden dar visibilidade áquelas persoas e entidades que, ao longo dos anos, teñen demostrado unha traxectoria exemplar, un compromiso solidario ou un labor relevante na proxección exterior de Ponteareas. “Son unha maneira de devolver o cariño e o apoio que tantos ponteareáns lle teñen dado á súa vila”, explicou.
Un premio que reivindica identidade e historia
A gala rende tamén homenaxe á figura de María Agustina Sarmiento de Sotomayor, coñecida como a Menina Sarmiento, retratada por Diego Velázquez en Las Meninas e nacida no convento de Canedo. A elección do seu nome busca reforzar a identidade cultural de Ponteareas e destacar referentes históricos capaces de inspirar ás novas xeracións.
Os premios outorgaranse en diversas categorías: cultura; educación; empresa e innovación; compromiso social; deportes; nova promesa (menores de 25 anos); embaixada de Ponteareas; emigración/aveciñamento e mención especial.
O Concello defende a transparencia do proceso ante as críticas
O goberno municipal respondeu ás críticas recibidas nos últimos días e reafirmou que o proceso de selección é participativo, transparente e rigoroso. As bases reguladoras da convocatoria 2025 foron aprobadas por unanimidade na Xunta de Goberno Local o 18 de novembro de 2025 e publicadas de forma íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e no Taboleiro de Anuncios do Concello, momento no que se abriu o prazo oficial de presentación de candidaturas.
O procedemento inclúe unha Comisión Técnica, criterios de valoración obxectivos e puntuables e un xurado plural e de prestixio, integrado por:
-
A soprano Teresa Novoa
-
Jorge Cebreiros, presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra
-
A música Blanca Represas
-
O exciclista e gañador da Vuelta Álvaro Pino
-
Ana Besada, membro do equipo directivo da Asociación Galega de Deseño
-
Celso Álvarez, representante de COGAMI
Elementos, segundo o Concello, que garantizan imparcialidade, calidade e diversidade de criterios.
Un recoñecemento colectivo para fortalecer o orgullo ponteareán
O executivo local destaca que os Premios Menina Sarmiento son “un recoñecemento de toda Ponteareas, pensados para sumar, poñer en valor e xerar orgullo colectivo”.
O Concello anima a toda a veciñanza a asistir a esta gala aberta, na que se porá en valor o talento, a dedicación e o compromiso das persoas que contribúen cada día ao crecemento e ao avance da vila.
