lunes. 15.07.2024

O Concello de Ponteareas súmase por segundo ano consecutivo á Semana Europea de Mobilidade cun programa de actividades coas que sensibilizar á veciñanza sobre os beneficios de uso de modos de transporte máis sostibles como a bicicleta, os desprazamentos a pé ou o transporte público. Este ano, ao abeiro da temática ‘Mobilidade sostible, saudábel e segura’ e do lema ‘Pola túa saúde, móvete de forma sostible’ que rexe a campaña europea, a Concellaría de Mobilidade dirixida por Roberto Mera tamén presenta novas medidas e iniciativas dirixidas a diminuír o uso innecesario dos automóbiles na vila.

A primeira das actividades será este mércores 22 de setembro, Día Europeo sen Coches, e irá dirixida a público infantil, “un dos principais destinatarios do novo modelo de mobilidade máis sostíbel polo que aposta este goberno”, como sinalou o edil. Ás 17.30 horas, nenos e nenas a partir de 7 anos poderán participar na actividade ‘Recuperando o espazo público para a infancia: do vello ao novo modelo de mobilidade en Ponteareas’, unha actividade lúdico-educativa na que as e os participantes percorrerán as rúas da vila. A saída será dende a Casa do Concello e, dende aí, os rapaces e rapazas circularán por diferentes rúas realizando actividades para comprender os efectos do anterior modelo de vila pensando no coche e coñecer as razóns polas que agora se aposta por recuperar o espazo público para as persoas.

Ademais, durante todo o día as persoas interesadas poderán facer unha revisión de balde da súa bicicleta na rúa Esperanza, en Bicimecánica Toñi Porto, a quen o Concello agradece a súa colaboración nesta xornada da Semana Europea de Mobilidade.

A esta programación de actividades sumaranse a presentación e implementación de varias medidas e iniciativas para o fomento da mobilidade sostíbel: a nova regulación da mobilidade na Praza Maior, a primeira liña de transporte público ao Centro de Saúde e a futura ordenanza de mobilidade amábel e utilización dos espazos públicos.

‘Pola túa saúde, móvete de forma sostible’