jueves. 28.03.2024

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e

Igualdade mosense, Sara Cebreiro, visitaron esta mañá as instalacións da

empresa Darlim no Polígono da Granxa para recibir de mans do seu director,

Indalecio Cuevas, a aportación de alimentos coa que cada ano esta empresa de

productos de limpeza colabora na campaña de Nadal Solidario de Mos Axuda.

Nadal Solidario é unha campaña anual de recollida de alimentos que o

Concello de Mos organiza para que ningunha familia mosense quede sen celebrar

as festas navideñas.

Ademais de Darlim, na campaña de doazón por parte das empresas cóntase coa

incondicional colaboración da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, e moitas

outras empresas que, edición tras edición, participan neste programa.

A recollida faise extensiva tamén aos colexios de Mos, ao Instituto, ás

asociacións veciñais e culturais e ó Belén do Pazo de Mos; onde as persoas

interesadas en colaborar con esta campaña solidaria poderán depositar a súa

doazón de alimentos ata o vindeiro día 19 de decembro.

Ademais, o vindeiro sábado 14 de decembro, en 4 supermercados do municipio,

Eroski, Gadis, Lidl e Día, ao longo de toda á xornada en horario de apertura

das devanditas superficies comerciais, quen queira colaborar pode facer a súa

aportación a esta campaña.

A maiores este ano esta campaña solidaria conta cunha novidade, unha nova

empresa colaboradora, o restaurante Tapra en Peinador, que conta cun mercadiño

de xoguetes de segunda man nas súas instalacións e destinará todo o recadado

pola venda dos mesmos tamén a Mos Axuda.

Grazas a todas estas aportacións as familias beneficiarias poderán celebrar

o Nadal como merecen.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declararon esta mañá

durante a recollida en Darlim que “dende o Concello estamos moi agradecidos e

satisfeitos de como arranca a campaña de doazón de alimentos deste ano”, e

aproveitaron a ocasión para “agradecer a colaboración cidadá dos veciños e

veciñas de Mos que, edición tras edición, veñen a demostrar que Mos é un pobo solidario”.

A rexedora local mosense e a edil de

Política Social explicaron que “esta iniciativa naceu perseguindo a finalidade

de prestar axuda e protección aos máis necesitados, coa colaboración do

empresariado, para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todas as

familias de Mos poidan gozar destas festas”.

A entrega dos alimentos recopilados grazas a esta campaña ás familias

beneficiarias realizarase na sede de Mos Axuda, sita en Puxeiros, o vindeiro

día 20 de decembro.

En total son 80 familias usuarias dos Servizos Sociais municipais, que en

número total de persoas poden alcanzar preto de 300.

Nadal solidario axuda a 80 familias mosenses a celebrar as festas navideñas