martes. 04.11.2025

Un emotivo acto tivo lugar esta mañá en Louredo, Mos, na que fora a casa de Florentina Fernández Alonso, coñecida como "Cataplina". A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Sara Cebreiro e Baldomero Lorenzo, asistiu á homenaxe desta veciña que foi asasinada en 1937 por non revelar o agocho do seu marido, Ángel Matilde Miguelez, quen permanecera fuxido nos montes de Mos durante o inverno de 1936.

O evento, conducido por Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, contou tamén coas intervencións de Ana Aller, presidenta da Comisión da Recuperación da Memoria de Mos, Úrsula Matilde, bisneta de Florentina Fernández, e o poeta Samuel Merino, que recitou tres poemas co acompañamento musical da Escola de Música de Torroso.

Durante o acto, descubriuse ao pé da casa unha placa de bronce na honra de Florentina, cunha flor doada por Luis Bugarín. Helena Pousa lembrou que "faltan moi poucos días para o 125 aniversario do nacemento de Ángel Matilde, e xa pasaron case 90 anos dende que este matrimonio tivo un final tráxico", agradecendo a disposición do Concello de Mos para a realización do monumento. Ana Aller, pola súa banda, expresou o seu agradecemento por "axudarnos a pechar feridas", engadindo que "soamente se pecha unha ferida cando hai xustiza e cando hai perdón".

A alcaldesa de Mos, xunto a concelleiros e familiares, participou hoxe nunha sentida homenaxe a Florentina Fernández "Cataplina", vítima da represión, co descubrimento dunha placa na que foi a súa vivenda.
A memoria dos silenciados resoa hoxe en Louredo, Mos, onde se rendeu tributo a Florentina Fernández "Cataplina", asasinada en 1937. Un acto cargado de emoción que busca pechar feridas e manter vivo o recordo.

Úrsula Matilde, bisneta de Florentina, emocionou aos presentes ao compartir o desexo do seu avó Tomás: "Hoxe podemos cumprir o soño do meu avó Tomás: levarlle unha rosa á memoria da súa nai, vítima inocente da inxustiza nos tempos da escuridade". Explicou que o seu avó, antes de falecer, expresara o seu desexo de levarlle unha rosa á súa nai, algo que hoxe a familia puido facer como "un xesto de amor, de respecto e un tributo á súa memoria silenciada".

A alcaldesa Nidia Arévalo manifestou a súa emoción nun acto "que merecía Florentina e toda a súa familia". Agradeceu a Ana Aller o seu "empeño en que estes recordos sigan vivos e llos contemos aos nosos fillos tamén", subliñando a importancia de explicar ás novas xeracións o sufrimento dos antepasados. "Este lugar será emblemático a partir de hoxe. Xa o era, pero hoxe poñémoslle nome e apelidos, e poñémoslle esta rosa para Florentina, que é a rosa de Mos, o máis prezado que temos, e aquí quedará para sempre. Este acto quere honrar a memoria desta muller valente, Florentina Fernández, que morreu por defender aos seus, e tamén a de Ángel Matilde, para que nunca se apaguen os gritos dos silenciados", concluíu a rexedora.

Mos rende homenaxe a Florentina Fernández 'Cataplina' cunha placa conmemorativa na súa...
Comentarios