O Concello de Mos avanza na posta en marcha dun proxecto integral de eficiencia enerxética e modernización da iluminación pública, unha actuación de grande alcance coa que pretende renovar infraestruturas municipais, mellorar a calidade da luz e reforzar o compromiso coa sustentabilidade ambiental.
Segundo informa o consistorio, o proxecto está xa totalmente definido e listo, á espera da publicación da estrutura de custos, paso previo necesario para poder levalo a pleno para a súa aprobación. A previsión municipal é elevar a licitación ao pleno do mes de abril e, unha vez completado este trámite, iniciar as actuacións no mes de xuño. O modelo de xestión permitirá acometer unha modernización profunda do sistema enerxético sen que o Concello teña que asumir a totalidade do investimento inicial, apostando por unha xestión máis eficiente e sostible.
Renovación da iluminación e das infraestruturas
O plan contempla a substitución de 7.000 luminarias actuais por tecnoloxía LED de alta eficiencia, o que suporá unha mellora da iluminación en rúas, camiños e espazos públicos, ao tempo que se reduce de maneira significativa o consumo eléctrico.
En paralelo, prevese a renovación de 600 quilómetros de cableado asociado á iluminación pública e a actualización de 220 cadros de mando, que incorporarán sistemas máis seguros, eficientes e preparados para a telexestión.
Proxectos singulares nas parroquias
Mos, coas súas 10 parroquias, contará cun enfoque adaptado a cada territorio. En cada unha delas desenvolverase un proxecto singular para iluminar elementos representativos, como espazos patrimoniais, zonas emblemáticas ou lugares de especial valor cultural e social, co obxectivo de poñer en valor a identidade propia de cada parroquia combinando funcionalidade, eficiencia e estética.
Mellora enerxética dos edificios municipais
O proxecto inclúe tamén actuacións orientadas á mellora da eficiencia enerxética nos edificios municipais, mediante a optimización das instalacións eléctricas e da iluminación interior, co fin de reducir o gasto enerxético e as emisións contaminantes.
Beneficios para a veciñanza
O Concello subliña que a actuación terá un impacto directo na cidadanía, ao favorecer o aforro e a eficiencia do consumo, reducir emisións de CO₂, incrementar a seguridade con iluminación máis uniforme e adaptada a peóns e condutores, e contribuír á posta en valor do patrimonio local.
Con 7.000 puntos de luz, 600 quilómetros de cableado, 220 cadros de mando, intervencións nas 10 parroquias e melloras en edificios municipais, o plan supón un paso cara a un Mos máis moderno, eficiente, sostible e mellor iluminado.
