O Concello de Mos deu luz verde este luns ao nomeamento dos Valedores e Valedoras da Festa da Rosa 2026, unha distinción que recoñece persoas e entidades destacadas pola súa contribución á vida social, cultural e económica do municipio.
Entre os elixidos atópase Daniel Burgos Paz, cunha traxectoria estreitamente ligada á tradición das rondallas de Mos. Foi director da Rondalla Santa Eulalia durante máis dunha década e contribuíu á súa proxección máis alá do ámbito local, incluíndo a súa participación na película Rondallas, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo. O seu nomeamento recoñece o seu labor na conservación e modernización desta tradición.
No ámbito deportivo, destaca a mosense Patricia Martínez, unha das grandes referencias do baile deportivo a nivel nacional e internacional. Cun amplo palmarés, que inclúe títulos estatais e un campionato do mundo, leva o nome de Mos por todo o mundo, converténdose nun exemplo de excelencia e superación.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, será tamén valedora nesta edición pola súa vinculación co territorio e o seu papel na defensa do sector primario, especialmente relevante nun ano no que a Festa da Rosa incorpora a exaltación do viño rosado de Galicia á súa programación.
No eido da comunicación, o recoñecemento recae en Radio Vigo, unha referencia histórica en Galicia que ao longo de décadas actuou como altofalante da realidade social e cultural da comarca, contribuíndo á difusión das tradicións locais.
Así mesmo, o proxecto Celta Integra, impulsado pola Fundación do Real Club Celta e con presenza de xogadores de Mos como Álex Lago, Xoán ou Gorrita, será distinguido polo seu labor na inclusión a través do deporte, promovendo a integración e a participación social.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “os valedores deste ano representan perfectamente o que é Mos: un concello con raíces fondas, pero tamén con capacidade de avanzar e proxectarse cara ao exterior”.
O pleno tamén aprobou o nomeamento dos Valedoriños 2026, unha distinción dirixida á mocidade que nesta edición recae en Alba Salgueiriño Bacelo e Óscar Molinos Rodríguez, estudantes de 2º de bacharelato no IES de Mos. Ambos foron recoñecidos pola súa traxectoria académica, implicación no centro e capacidade de superación ante situacións persoais de saúde complexas.
A Festa da Rosa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que se celebrará o 13 de xuño, reforza este ano a súa programación coa incorporación da exaltación do viño rosado de Galicia, que se suma ao tradicional concurso de ramos e á xa consolidada exaltación da empanada de millo.
