O Concello de Mos aprobou hoxe en Pleno o orzamento municipal para 2026, que ascende a 15.885.675,48 euros, a cifra máis alta da historia do municipio. As contas, que superan en case un millón de euros as do exercicio anterior, recibiron o respaldo maioritario da corporación e consolidan, segundo o Executivo local, un modelo baseado “na responsabilidade, na estabilidade financeira e na prioridade das persoas”.
A alcaldesa destaca un Mos “máis social, moderno e con mellores servizos”
A rexedora, Nidia Arévalo, afirmou que o novo orzamento “é unha ferramenta fundamental para seguir avanzando nun Mos máis social, máis moderno e con mellores servizos públicos”. Lembrou ademais que este proxecto económico chega “tras varios anos de excelentes resultados, con impostos conxelados desde 2012 e unha débeda moi baixa”, o que sitúa ao municipio nunha posición financeira sólida.
Un préstamo de 1,2 millóns para acelerar proxectos clave
Entre as novidades, o Goberno local inclúe a posibilidade de solicitar un préstamo de 1,2 millóns de euros, que permitirá avanzar en actuacións consideradas estratéxicas. Arévalo cualificou esta decisión como “responsable e necesaria para non atrasar proxectos que mellorarán a vida da veciñanza”, incidindo en que non responde a unha situación de necesidade, senón de planificación.
Con esta operación, a débeda municipal situaríase arredor do 22 %, moi por debaixo do límite legal do 110 %, un dato que para o Executivo exemplifica a boa saúde financeira do Concello.
Un orzamento social e con máis investimento público
Arévalo definiu as contas como “un orzamento para un Mos das persoas”, subliñando que combina estabilidade económica, reforzo dos servizos públicos, maior investimento en igualdade e benestar, novas infraestruturas e melloras na mobilidade. Ademais, destacou o impulso institucional que permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros doutras administracións, unha cifra que multiplicará a capacidade de investimento local.
“Mos segue avanzando con paso firme, sen subir impostos, con máis investimento ca nunca e cunha folla de ruta clara: construír un Mos con máis oportunidades, máis calidade de vida e máis futuro”, concluíu.
Máis de 17 millóns de euros en proxectos grazas á colaboración institucional
Durante o Pleno, a alcaldesa anunciou tamén que, tras a xestión realizada este ano, Mos está en condicións de optar a arredor de 17 millóns de euros en investimentos procedentes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Estes fondos permitirán executar grandes proxectos estratéxicos para o municipio.
“Mos está nun dos momentos de maior investimento público da súa historia. A colaboración institucional permite multiplicar as capacidades do Concello e avanzar máis rápido e con ambición”, destacou Arévalo.
