miércoles. 24.04.2024

Koki presenta ‘Aldea Buxán’

Con esta obra Francisco Álvarez traslada de novo aos lectores e lectoras a esa lingua rica en léxico e matices, coloquial, verdadeira, que flúe coa sinxeleza dun regueiro dos montes galegos. A autenticidade, como neste caso, ha de ser a primeira condición instrumental de quen se propón facer arte coa palabra escrita.
Francisco Álvarez Koki
Atendendo a certos matices e definicións convencionais, nesta obra a persoa lectora atopará contos, estampas, crónicas... En definitiva, narracións.

Ponteareas continúa cedendo o protagonismo á literatura para conmemorar o mes do libro. Este venres 22 o escritor Francisco Álvarez, Koki, estará na sala multiúsos do auditorio municipal a partir das 20.00 horas para presentar ‘Aldea Buxán’, un libro singular escrito por un emigrante que recorda o eido orixinario e a el retorna coa memoria cada pouco.

Nado na Guarda en 1957, Koki, escritor e animador cultural, reside en Nova York, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega. Xunto a esta obra, en galego ten publicado, entre outros, o poemario ‘A memoria das palabras’, a novela ‘Ratas en Manhattan’ e os libros infantís ‘Un neno na emigración’ e ‘Vasoiras Barreiro’. Tamén ten obra publicada en lingua castelá e participa habitualmente en libros colectivos sobre a relación das e dos autores españois cos Estados Unidos.

Con esta obra Francisco Álvarez traslada de novo aos lectores e lectoras a esa lingua rica en léxico e matices, coloquial, verdadeira, que flúe coa sinxeleza dun regueiro dos montes galegos. A autenticidade, como neste caso, ha de ser a primeira condición instrumental de quen se propón facer arte coa palabra escrita. Atendendo a certos matices e definicións convencionais, nesta obra a persoa lectora atopará contos, estampas, crónicas... En definitiva, narracións.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, lembra que tanto Ponteareas como Galicia viven “unha época de pleno esplendor na creación literaria, coa aparición de novas autoras e autores cun gran potencial e moita ilusión que queremos dar a coñecer a toda a veciñanza”. A presentación forma parte da iniciativa ‘Abril, mes dos libros’, un ciclo de presentacións de obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila con Ponteareas co que o Concello quere conmemorar o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

Koki presenta ‘Aldea Buxán’