martes. 04.11.2025

O artista internacional Juan Magán será o protagonista do concerto estelar da Festa da Rosa, que se celebrará o vindeiro 13 de xuño no Pazo de Mos. Esta actuación, enmarcada nos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, foi anunciada pola alcaldesa Nidia Arévalo nun acto de presentación ao que tamén asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o presidente da Fundación Pazo de Mos, Ramón Vilanova, o produtor do concerto André Vázquez, e os concelleiros Camilo Grandal, Sara Cebreiro e Leo Costas.

A Festa da Rosa, recoñecida como Evento de Interese Turístico de Galicia pola súa arraigada tradición, chega este ano á súa 52ª edición coa presenza dun artista de renome mundial como Juan Magán. Cunha traxectoria musical de dúas décadas, Magán consolidouse como un referente do electrolatino, sendo pioneiro neste estilo con temas tan populares como “Bailando por el mundo” e “Te voy a esperar”.

Arévalo e Merelles.
Arévalo e Merelles.

O artista español é un dos máis reproducidos a nivel mundial nas plataformas dixitais e colaborou con figuras da talla de Shakira, Don Omar, Pitbull, Paulina Rubio, Enrique Iglesias ou Gente de Zona. Ademais, foi nomeado en cinco ocasións aos Grammy Latinos e seis veces aos Billboard Latin Music Awards.

O concerto terá lugar a partir das 22:00 horas no Pazo de Mos, con entrada gratuíta. Os DJ’s locais Traffic House e Samu Pexe serán os encargados de quentar o ambiente como teloneiros nunha noite que se prevé dure preto de cinco horas.

A alcaldesa Nidia Arévalo amosou a súa satisfacción por acoller un evento destas características: “Estamos nesta contorna espectacular do Pazo de Mos para presentar a actuación estelar da Festa da Rosa, que é o concerto de Juan Magán, que vai estar aquí o 13 de xuño a partir das 22:00 horas”. A rexedora agradeceu a presenza de Xosé Merelles e destacou a actividade cultural do concello, situado no Camiño de Santiago, e a súa inclusión nas actividades do Xacobeo, nun ano no que tamén acollerán unha meta de La Vuelta. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Fundación Pazo de Mos, cualificando o seu papel de anfitrioa como “indispensable”. “Estou segura de que este concerto vai a ser todo un éxito”, engadiu.

Pola súa banda, Xosé Merelles subliñou a importancia de incorporar a Juan Magán aos Concertos do Xacobeo, “esa gran explosión de acontecementos festivaleiros e de concertos que no ano 2025 traerá a Galicia máis de 700 artistas internacionais, nacionais e galegos”. Amósase convencido do éxito do concerto pola acollida de Mos, o seu paso polo Camiño de Santiago e a calidade do artista, que atraerá público de toda Galicia e mesmo de fóra.

O promotor André Vázquez engadiu que “Mos está de moda” grazas ao traballo das institucións, Concello e Xunta, e convidou a todos a achegarse o 13 de xuño para vivir a Festa da Rosa.

Nidia Arévalo adiantou que esta non era a presentación completa da Festa da Rosa, e que haberá máis sorpresas que se desvelarán a partir do vindeiro luns.

Ligazóns de interese:

O concerto de Juan Magán na Festa da Rosa do Pazo de Mos promete ser un dos grandes atractivos dos Concertos do Xacobeo este verán en Pontevedra.

Juan Magán, estrela dos Concertos do Xacobeo na Festa da Rosa de Mos
Comentarios