sábado. 04.05.2024

O Porriño viviu hoxe unha emotiva tarde coa praza Arquitecto Antonio Palacios ateigada de público, nenos e maiores, para vivir xuntos un dos momentos máis ilusionantes do ano, o acendido do alumbrado de Nadal. Centos de persoas congregáronse aos pés do Concello para recibir o Nadal, nun acto no que os usuarios e usuarias de Aceesca foron os protagonistas.

Laura, Marcos, Ana, Poli, Carlos, Paula, Eloy e Alba foron os encargados de premer o botón que iluminou a vila e deu inicio ao Nadal. Xunto a eles tamén estiveron persoas usuarias de Afaga, dos centros de día da vila e da EVD.

“Gustaríanos aproveitar este momento para trasladar os desexos das persoas con diversidade”, dixo Laura, “Igualdade, respecto, inclusión, non violencia, autodeterminación, accesibilidade universal, saúde e participación social. En definitiva, queremos unha sociedade diversa onde se respecten a todas as persoas sen ter en conta a súa raza, cor, procedencia, capacidades, orientación sexual etc”. Entre os aplausos da xente Laura e os seus compañeiros e compañeiras desexaron a todos unhas felices festas e iniciaron a conta atrás xunto aos asistentes que finalizou co prendido das luces.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo agradecerlles que un ano máis aceptaran o convite do seu concello para dirixir este acto “É unha honra contar con vós, ninguén mellor para traernos a ilusión, a maxia e a luz que nos lembra a nós e ao mundo o verdadeiramente importante destas datas: poder disfrutalas xuntos e a sorte de ternos os un aos outros”, apuntou o alcalde, “Desexo que o pasedes todas e todos moi ben e disfrutedes ao máximo destas festas”.

Bailes, animación, batallas de globos xigantes e chocolate quentiño con rosca para levar mellor o frío sumáronse ao inicio das festas na vila do Louro. E como non hai Nadal que se precie sen neve, dous grandes canóns de neve artificial sumáronse á celebración. Un momento moi especial que deu paso á música de Generación M e culminou ao son da gaita de Álvaro Costas e o seu espectáculo de música e luz, “Mitic. Christmas Family”.

Co pobo vestido xa para a ocasión, o Concello do Porriño fixo pública a súa programación que se extenderá ata o 7 de xaneiro e aúna obradoiros de nadal, música, cine, concursos e grandes eventos xa tradicionais, entre outros.

Este xoves, 7 de decembro celebrarase un obradoiro de decoración de árbores de Nadal e o sábado 9 de decembro comezará en Mosende e Chenlo o periplo das rondallas polas parroquias. A Rondalla de Pontellas e a Rondalla Sta. Eulalia de Atios visitarán todos os centros culturais as fins de semana. O día 17 a solidariedade chegará ao pavillón municipal da man de Studio57 e o seu Navidance Solidario e o 21 de decembro a Escola de Municipal de Música celebrará o seu Festival de Nadal.

Non se esquecen no Porriño de facilitarlle a Papa Noel o seu traballo o máximo posible, polo que se organizaron as visitas dos seus axudantes a todos os centros educativos, Aceesca e Centros de día, que se encargarán de recoller as súas peticións. Actuacións infantís, obradoiros, cine para cativos e o tradicional Encontro de Nadal de Corais darán forma as xornadas previas á chegada de Papá Noel, que visitará persoalmente aos nenos e nenas o 24 de decembro na praza do Concello.

Pasada a noiteboa e o día de Nadal, retómanse as actividades o 27 con obradoiros para nenas e nenos a cargo da Academia Bastón.

O 30 de decembro chega unha das citas ineludibles do Nadal no Porriño: a Festa Pre-Fin de ano. De novo, os pequenos e pequenas a celebrarán pola mañá e pola noite serán os maiores os que tomen as uvas ao ritmo das badaladas, acompañados polas rondallas da vila, sesións dj´s con Dj Pitty e Dj Samu Pexe, e o Combo Dominicano que non quixo perderse a festa entre outras sorpresas que se farán públicas nos próximos días.

O Porriño Peque Fest, o gran festival de inchables e animación para as nenas e nenos do Porriño volverá tomar o pavillón municipal. Desta vez durante tres días, o 2, 3 e 4 de xaneiro. O tren turístico do Nadal permitiravos chegar ao pavillón no transporte acaído para a ocasión.

A cabalgata de Reis promete sorprender este ano e irá precedida, o día antes, da visita das SS.MM os Reis Magos a todas as parroquias.

Ilusión no acendido do alumbrado de Nadal no Porriño
Comentarios