sábado. 27.04.2024

Ponteareas acolle este sábado 27 unha xornada na que persoas maiores e mocidade camiñan xuntas para facer gozar ao público dunha tarde de cultura. En colaboración co Concello de Ponteareas, a Asociación de Maiores de Ponteareas presentará ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal ‘Historias dunha vida’, un libro editado pola propia asociación que recompila os relatos presentados á segunda edición do concurso de escritos organizado ao abeiro do seu programa de Habilidades Básicas do Galego.

“É un orgullo contar na nosa vila con entidades que traballan cada día para dinamizar a creatividade, a escritura e as costumes galegas”, salienta o concelleiro de Lingua e Cultura, Fernando Groba. Este certame buscaba recrear a vida dos galegos e galegas de hai máis de 40 anos, a súa rutina diaria e os seus traballo e esforzos.

Tras a presentación do libro será a quenda da compañía de teatro Dramiño, un grupo afeccionado que levará a escena ‘O que eu quixen ser’, a representación da historia dunha vida inventada.

A concellaría de Cultura, así como a de Benestar Social, dirixida por Verónica Carrera, convida a toda a veciñanza a participar nesta nova cita literaria e teatral coa que seguir enchendo Ponteareas de cultura.

‘Historias dunha vida’ e ‘O que eu quixen ser’, literatura e teatro
Comentarios