viernes. 29.03.2024

No marco dos actos organizados polo 8M, o Día Internacional das Mulleres, o Concello de Tui inaugurou este mediodía a exposición ‘O Esforzo In-Visibile’ das deportistas tudenses. Nesta mostra recóllense imaxes e declaracións de 11 mulleres deportistas tudenses de élite en distintas disciplinas: Aida Valiño, Anita Rodríguez, Carmen González, Eva María Ara, Leticia Barbosa, Loli Pedrares, Marisa Giráldez, Nuria Domínguez, Sara Tui, Susana Fontán e Tania Fernández.

Na inauguración da mostra estivo presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, xunto a membros da corporación municipal e algunhas destas mulleres deportistas representadas na exposición.

A concelleira de Igualdade, Ana María Núñez explicou que con esta exposición preténdese visibilizar o papel e o legado de mulleres tudenses que inspiran a outras coma referentes. Incidiu en que quedan importantes retos por acadar xa que hoxe en día as mulleres teñen que demostrar máis valía para ser recoñecidas e acceder a postos de liderado.

Logo tomaron a palabra algunhas das mulleres deportistas presentes no acto e que recibían a homenaxe. Aida Valiño, Anita Rodríguez, Nuria Domínguez e Tania Fernández agradeceron o recoñecemento e incidiron no papel que o deporte xoga no crecemento persoal, a cultura do esforzo, as vontades da práctica do deporte e tamén na súa faceta inclusiva onde, engadiron, débese dar aínda máis voz e presenza a todas as mulleres.

Pechou o acto de inauguración desta exposición o alcalde de Tui. Enrique Cabaleiro expuxo que se trata “dunhas das moitas actuacións englobadas no Plan de Igualdade” aprobado polo Concello de Tui e que busca visibilizar o labor diario e multidisciplinar das mulleres tudenses na vida cotiá. Explicaba que, no deporte e tamén en moitas outras facetas da vida, as mulleres teñen un papel preponderante e que debe ser recoñecido e apoiado con políticas públicas que “corrixan situacións de desigualdade”.

'O Esforzo In-Visible’
Comentarios