martes. 04.11.2025

A Escola Municipal de Música do Porriño retoma a súa actividade con 150 alumnos matriculados

A Escola Municipal de Música do Porriño inicia o curso o 15 de setembro con 150 alumnos matriculados. As listas de horarios estarán dispoñibles o 1 de setembro e as clases comezarán o día 15, ofrecendo unha formación completa e variada para todas as idades.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto a outros representantes docentres, durante unha visita á Escola Municipal de Música para dar a benvida a un novo curso.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto a outros representantes docentres, durante unha visita á Escola Municipal de Música para dar a benvida a un novo curso.

A Escola Municipal de Música do Porriño comeza o novo curso académico cunha excelente acollida, superando a cifra de 150 alumnos matriculados. A partir do vindeiro luns, 1 de setembro, a listaxe co nome, día e hora dos estudantes estará dispoñible para que poidan acudir a semana seguinte a escoller o seu horario de clase de instrumento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia da escola como un espazo clave para a formación cultural e artística da comunidade. "É un espazo clave na formación cultural e artística dos nosos veciños e veciñas, pequenos e maiores, contribuíndo tamén a fomentar a creatividade, a disciplina e o traballo en equipo", sinalou durante unha visita ás instalacións, onde aproveitou para probar un instrumento.


 

Prazos para a escolla de horarios e novas matrículas

 

As instalacións da escola, situadas no Centro Cívico, estarán abertas o luns 8 e martes 9 de setembro en horario de 17:00 a 20:30 h para resolver dúbidas. Os días seguintes, os alumnos deberán acudir nun horario específico para escoller as súas clases individuais, seguindo a orde de matrícula de xuño.

  • Mércores 10 de setembro: 16:00 h (piano), 17:00 h (canto), 18:00 h (guitarra), 19:00 h (clarinete), 19:45 h (vento metal) e 20:00 h (saxofón).

  • Xoves 11 de setembro: 16:00 h (frauta), 16:45 h (violín), 17:30 h (violoncello), 18:15 h (gaita), 19:00 h (percusión tradicional) e 19:45 h (percusión sinfónica).

O venres 12 de setembro, a escola atenderá novas matrículas de 17:00 a 20:30 h, no caso de que queden prazas vacantes. O inicio oficial do curso será o luns 15 de setembro.


 

Unha oferta formativa e cultural completa

 

Ademais das clases de instrumentos, a Escola Municipal de Música ofrece clases de Música e movemento para nenos dende os 4 anos e Linguaxe musical para todas as idades. Conta tamén con sete agrupacións: banda de música, mini banda infantil, orquestra de corda, grupo de música tradicional, conxunto de guitarras, coral infantil e coral polifónica.

O comezo do curso na escola marca o arranque de toda a actividade cultural e formativa do Concello, que se estende a través das distintas asociacións veciñais e culturais grazas ás subvencións que se outorgan anualmente.

A Escola Municipal de Música do Porriño retoma a súa actividade con 150 alumnos...
Comentarios