miércoles. 03.12.2025

O Concello de Mos recibiu unha excelente nova: a Biblioteca Pública Municipal María Magdalena foi distinguida no Concurso de Proxectos de Animación á Lectura María Moliner, un dos máis prestixiosos do Estado para municipios de menos de 50.000 habitantes. O galardón, convocado polo Ministerio de Cultura a través da Dirección Xeral do Libro, recoñece o labor da biblioteca mosense, que se sitúa así entre as mellores de Galicia.

Esta distinción supón un aval ao traballo diario do persoal bibliotecario e ao compromiso municipal coa promoción cultural e o fomento da lectura.

Un proxecto vivo, participativo e aberto á veciñanza

O proxecto presentado, “Érase una vez… BPM María Magdalena”, concibe a biblioteca como un espazo dinámico e interxeracional. A proposta destaca por favorecer a participación cidadá e por construír un espazo de encontro arredor dos libros a través de:

  • obradoiros infantís,

  • clubs de lectura para adultos e lectura fácil,

  • concursos literarios,

  • presentacións de libros,

  • recitais poéticos,

  • exposicións temáticas.

A iniciativa complétase co programa “Achegamos a biblioteca á túa porta”, que garante un acceso inclusivo á lectura mediante servizos de proximidade, e cos campamentos de aventuras dixitais, que combinan creatividade e tecnoloxía.

En conxunto, un proxecto que promove o diálogo, a participación e a lectura como experiencia compartida entre xeracións.

Case 3.000 euros para ampliar o fondo bibliográfico

Ademais do recoñecemento, o premio inclúe unha achega económica de case 3.000 euros destinada á compra de libros, o que permitirá á biblioteca ampliar e renovar os seus fondos con materiais actuais e de calidade para toda a veciñanza.

Un orgullo para Mos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “este premio é un orgullo para todo Mos e unha proba de que investir en cultura, educación e acceso á lectura é investir no futuro da nosa xente”. A rexedora felicitou tamén ao equipo da BPM María Magdalena pola súa “ilusión, creatividade e capacidade para atraer novos públicos á lectura”.

Aposta firme pola cultura e a lectura

O Concello de Mos reafirma así a súa intención de seguir mellorando os servizos bibliotecarios e de impulsar actividades que sitúen a lectura como ferramenta de aprendizaxe, creatividade e convivencia, consolidando a biblioteca como un referente cultural no municipio.

A Biblioteca Municipal de Mos, distinguida co Premio María Moliner polo seu proxecto de...
Comentarios