domingo. 21.04.2024

O Concello incorpora dous novos servizos municipais que buscan potenciar a conciliación dos veciños e das veciñas. Trátase do Plan Madruga e da Aula Matinal, uns recursos sen custe para as familias mediante os cales os pais e as nais que o precisen poden levar aos nenos e ás nenas aos centros educativos antes de que comece o horario lectivo. O primeiro deles desenvólvese na Escola Infantil Municipal e o segundo, nos colexios da vila.

Para levar a cabo esta iniciativa, o goberno municipal propuxo ao pleno municipal a regularización da ordenanza da Escola Infantil. A moción do executivo local recibiu os votos a favor de todos os grupos da corporación polo que, deste xeito, os alumnos e as alumnas que o precisen terán atención educativa previa ao inicio das clases a partir das 07:00 horas. Os usuarios e as usuarias estarán atendidos por un profesional da materia e realizarán diferentes actividades e xogos con finalidades tanto didácticas como lúdicas.

No caso dos colexios do municipio, a Aula Matinal permite dar resposta ás necesidades das familias do municipio que, por cuestións laborais ou persoais,  precisan dispoñer de atención educativa antes de que comecen as clases nos seus centros. O alumnado deste servizo realizarán diversas actividades adecuadas ao seu nivel formativo baixo a supervisión de profesionais cualificados. O horario comprende desde as 07:30 horas ata as 09:30 horas e no caso do CEIP Feliciano Barrera, tamén está dispoñible a partir das 13:45 horas ata as 15:00 horas.

A edil de Benestar Social, Raquel Plana, apunta que “o obxectivo é que as familias do municipio conten con máis opcións á hora de conciliar os horarios laborais cos lectivos, é por iso que decidimos poñer ao servizo dos pais e das nais este Plan Madruga que busca unha maior tranquilidade ao saber que os nenos e as nenas estarán atendidos de forma profesional na Escola Infantil antes de que comecen as clases”.

Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Ricardo González, indica que “trátase dunha aposta que une a conciliación familiar coa educación. O noso obxectivo é que o centro educativo funcione ademais como un recurso ao que poden acudir os pais e as nais do municipio para que poidan levar a cabo o seu día a dia mentres os nenos e as nenas reciben atención especializada en función da súa idade e necesidades”.

Os alumnos ponteareáns que o precisen terán atención educativa previa ao inicio das clases
Comentarios