A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui será distinguida coa Medalla ao Mérito de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia na súa categoría de prata. Este recoñecemento chega tras a súa destacada participación no continxente galego desprazado a Valencia despois da DANA do pasado ano.
Tres voluntarios da agrupación tudense desprazáronse ata a cidade valenciana para colaborar activamente nos labores de reconstrución, achegando consigo diverso material para axudar nas tarefas.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo expresar publicamente o seu "recoñecemento e felicitación novamente á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil pola súa participación naquel operativo en Valencia o ano pasado, pero tamén polo labor que desenvolven ao longo de todo o ano na cidade tanto en distintas incidencias coma colaborando en eventos de moi diversa índole".
Cabaleiro subliñou a importante labor que realizan os voluntarios tudenses, lembrando que "o ano pasado, amais da intervención en Valencia realizaron 278 servizos cun total de 2.417 horas".
Este premio supón un importante recoñecemento á dedicación e o esforzo dos voluntarios de Protección Civil de Tui, cuxa labor resulta fundamental para a seguridade e o benestar da comunidade. A entrega da medalla terá lugar nun acto oficial organizado pola Xunta de Galicia.
            
              