lunes. 20.05.2024

A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. O Consello Social da USC, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos para este programa.

Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa: https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/microdoazons.html.

Un dos proxectos que está a recibir financiamento dentro desta liña de micromecenado é o dirixido por Ángel Miramontes desde o Idega -Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia-. Un equipo integrado na súa maioría por xeógrafos e analistas territoriais pero tamén por enxeñeiros e economistas, traballa desde o inicio da pandemia na xeración dunha cartografía de risco da COVID-19 nos espazos urbanos e rurais e Galicia, unha ferramenta moi útil de cara a toma de decisións. Este proxecto está ademais financiado pola Axencia Galega de Innovación -Gain-.

O Sergas proporciónalles os datos relativos aos contaxios, que os investigadores vencellan cunha gran cantidade de información de tipo territorial da que dispoñen: municipios, catastros, demografía, envellecemento poboacional, dispersión da poboación… e outros máis concretos como a localización de farmacias, hospitais e centros de saúde, liñas de autobús, mobilidade da poboación… Tamén empregan variables socioeconómicas como o PIB. A finalidade é coñecer como se comporta o virus, xa que varía moito dun concello a outro ou mesmo dentro dunha mesma poboación. “O tratamento da información é moi laborioso, cómpre depurala e xeorreferenciala” -indica o investigador principal do proxecto-.

O equipo xera mapas e informes temporais -semanais e quincenais- que permiten coñecer como aumenta ou diminúe un determinado foco de contaxio, ao tempo que explican as causas que provocan cada situación. Envían estes resultados tanto á Axencia Galega de Innovación como ao Sergas, o que serve de guía para tomar as medidas máis axeitadas en cada intre.

UNHA RADIOGRAFÍA

Nun primeiro momento os investigadores do Idega realizaron análises territoriais do comportamento da COVID-19 en toda Galicia. Agora estanas a desenvolver a outras escalas, con máis detalle, depurando os datos da información territorial coa que contan. Así, tamén se centran nas sete cidades galegas e nas áreas rurais máis significativas, xunto con aqueles puntos nos que se localiza un maior número de focos de contaxios.

O equipo da Universidade de Santiago.

O obxectivo deste proxecto a longo prazo é, unha vez que remate a pandemia, dispor dunha radiografía perfecta de como foi evolucionando e todos os cambios que se foron producindo no caso concreto do territorio galego. Deste xeito, entre outras posibilidades, os datos particulares do coronavirus poderán combinarse cos doutras enfermidades como a gripe, posto que a cartografía de risco que están a xerar ofrece unha capacidade de análise moi ampla.

O equipo da Universidade de Santiago colabora con outros xeógrafos e analistas territoriais doutros puntos de España, Portugal, América, Sudamérica e mesmo de Corea co fin de coñecer a realidade a escala mundial.

SOCIEDADE

Ángel Miramontes salienta que “esta investigación ten unha clara repercusión territorial e social, de aí a importancia de que a sociedade teña coñecemento do que se está a avanzar neste eido. Pero tamén interesa que a sociedade e os axentes económicos se impliquen neste proceso a través de accións como o micromecenado porque é un bo xeito de contribuír á calidade máxima da investigación”.

Mapas de risco da COVID-19