sábado. 20.04.2024

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.411, deles 288 son da área da Coruña, 196 da de Lugo, 239 da de Ourense, 165 da de Pontevedra, 206 da área de Vigo, 219 da de Santiago e 97 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 2 están en UCI, 98 en unidades de hospitalización e 1.311 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 672.637 persoas curadas, rexistrándose 3.908 falecementos. 

O último falecemento rexistrado por coronavirus foi:

Día 27 de setembro:

Muller de 93 anos, da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

A persoa falecida tiña patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 3.980.612.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.741.869.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade permanece en alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e 881 54 00 45 para información covid

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía debe empregar o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 naqueles casos que presenten síntomas leves de coronavirus, ou ben para resolver dúbidas relativas a covid-19. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Declaración responsable de autotest positivo e uso das máscaras

As persoas que obteñan un resultado positivo tras a realización dun autotest poderán comunicalo ao Servizo Galego de Saúde. Así, terán a súa disposición dúas modalidades para poder facelo dun xeito sinxelo. En primeiro lugar, a través da aplicación SergasMóbil, tal e como se explica no seguinte vídeo, ou ben, chamando ao número de teléfono 881 540 045.

Así mesmo, lémbrase o carácter obrigatorio do uso da máscara en determinados espazos interiores, como son os centros, servizos e establecementos sanitarios; os centros sociosanitarios e o transporte público e de viaxeiros.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Galicia rexistra un total de 1.411 casos activos por coronavirus
Comentarios