sábado. 05.10.2024

O Servizo Galego de Saúde dispensou, durante o ano 2022, un total de 831.921 receitas electrónicas ao conxunto de cidadáns que visitaron Galicia, e cuxa tarxeta sanitaria pertencía aos servizos sanitarios doutras comunidades autónomas.

A maior demanda deste servizo e, xa que logo, o maior número de receitas dispensadas na nosa comunidade, rexistrouse en persoas procedentes de Madrid (265.092 receitas), Cataluña (142.886), País Vasco (125.510) e Castela-León (68.977).

O carácter interoperable do sistema, xunto coa rápida adhesión do Servizo Galego de Saúde ao mesmo, tamén posibilitou a recollida de medicamentos a aqueles cidadáns galegos que se desprazaron a outras comunidades autónomas.

Neste senso, durante o ano 2022, a cidadanía galega puido recoller a medicación de 282.035 receitas eléctronicas no conxunto de farmacias do territorio nacional. Así, os galegos e galegas empregaron maiormente este servizo nos desprazamentos ás comunidades de Madrid (45.564 receitas), Castela-León (40.708), Cataluña (33.894) e Valencia (30.613).

Desde esta semana, as persoas mutualistas de opción pública tamén poderán retirar os seus fármacos e produtos sanitarios, dun xeito áxil, e en todas as farmacias do Estado español. Ata o de agora, os mutualistas galegos de MUFACE, MUGEJU e ISFAS, tiñan a posibilidade de retirar os seus medicamentos a través do sistema galego E-receita do Servizo Galego de Saúde, que o pasado prescribíu 670.236 receitas electrónicas aos mutualistas.

PIONEIROS EN RECETA ELECTRÓNICA

Galicia foi pioneira en España na implantación do sistema de receita electrónica mediante a E-receita (en 2008); e tamén foi das primeiras comunidades en incorporarse ao proxecto de interoperabilidade do Sistema Nacional de Saúde, en marzo de 2017.

O sistema interoperable permite á cidadanía moverse por todo o territorio nacional e obter os seus medicamentos en calquera oficina de farmacia, independentemente da comunidade onde fosen prescritos. Así, simplemente presentando a súa tarxeta sanitaria en calquera das oficinas de farmacias de España, a cidadanía pode retirar as súas menciñas, sen necesidade de preocuparse nas súas viaxes polas datas de dispensación nas que teñen que retirar a medicación, e sen ter que acudir ao seu médico para que lles faga anticipos dos fármacos.

Esta interoperabilidade complementarase a partir do mes de maio do presente ano, coa extensión da conectividade de E-receita cara ás rexións de Europa que contemplen esta posibilidade de interacción, e entre as que xa se atopan Portugal, Polonia ou Finlandia.

Galicia dispensa máis de 830.000 receitas electrónicas aos cidadáns procedentes doutras...
Comentarios