lunes. 29.04.2024

O Álvaro Cunqueiro duplicará o espazo dedicado ao Servizo de Hospitalización a domicilio

O Servizo Galego de Saúde duplicará o espazo dedicado ao Servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) no Hospital Álvaro Cunqueiro, que pasará de 158 metros cadrados a 300 e, a tal fin, a Xunta de Galicia vai destinar 581.485 euros a unhas obras que está previsto que duren tres meses e medio. 
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asiste ao inicio dunhas obras adxudicadas por preto de 600.000 euros.
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asiste ao inicio dunhas obras adxudicadas por preto de 600.000 euros.

O Servizo Galego de Saúde duplicará o espazo dedicado ao Servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) no Hospital Álvaro Cunqueiro, que pasará de 158 metros cadrados a 300 e, a tal fin, a Xunta de Galicia vai destinar 581.485 euros a unhas obras que está previsto que duren tres meses e medio. Así o detallou o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, quen hoxe visitou este hospital con motivo do inicio destas obras, na compaña da delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz; así como da xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; e o xerente da área sanitaria, Javier Puente.

O titular da carteira sanitaria remarcou, na súa intervención, que a hospitalización a domicilio é un recurso moi valorado polo Sergas e, así mesmo, polos pacientes que o consideran excelente nas enquisas realizadas. Neste sentido, Comesaña lembrou o papel destacado que tivo HADO durante a pandemia e agradeceu a labor de todos os profesionais de Galicia deste servizo.

Para o conselleiro en funcións, tratar aos doentes na súa propia casa e coa mesma atención que se presta no hospital tradúcese nunha mellor asistencia para as persoas en coidados paliativos ou procesos infecciosos, que son os principais casos tratados en hospitalización a domicilio nesta área. En concreto, de media, Comesaña dixo que, nos últimos anos, o servizo con base no Álvaro Cunqueiro atende anualmente a 800 pacientes, chegando a 5.630 en toda Galicia.

O titular da carteira sanitaria subliñou que, para levar a cabo esta ampliación, o seu departamento tivo en conta a opinión dos profesionais á hora de realizar os planos desta obra e a distribución de espazos.

MELLORAS EN VIGO

Tal e como detallou o conselleiro no acto de hoxe, esta ampliación forma parte dos 5,7 millóns de euros de investimento en melloras nos hospitais públicos de Vigo que foron comprometidos pola Xunta de Galicia na reunión do Consello celebrada nesta cidade en abril de 2022.

O investimento inclúe seis obras de reforma no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, tres delas xa executadas por importe de preto de 2 millóns de euros (o novo hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil, a nova unidade de enfermidades raras e a renovada área de necropsias de anatomía patolóxica). A elas hai que engadir esta reforma da unidade de hospitalización a domicilio xa adxudicada, así como outras dúas cuxa obra se vai licitar proximamente (a nova área de rehabilitación cardíaca e o hospital de día de procesos médicos).

Por outra banda, Comesaña dixo que a segunda parte do investimento, destinada a equipamentos, se completou coa adxudicación o pasado ano, por preto de 2 millóns de euros, de dous contratos: o de equipamento electromédico e mobiliario clínico para a creación da nova Unidade de Intervencionismo e Endoscopia Avanzada do Hospital Álvaro Cunqueiro; e máis os equipos necesarios para o novo Servizo de Cirurxía Maxilofacial que se instalará no Meixoeiro; e aparataxe para outros departamentos, como unha torre de laparoscopia para o de Cirurxía Torácica, ou un equipo de urodinamia para Uroloxía.

O Álvaro Cunqueiro duplicará o espazo dedicado ao Servizo de Hospitalización a domicilio
Comentarios